Tres bandas de Vigo e a súa contorna triunfan no certame Sonidos Mans Salas
Crúas, Pablo y los Ciervos Dorados e Sara Gimeno son as finalistas desta edición de Sonidos Mans Salas, o concurso de bandas galegas emerxentes organizado polos Estudios Mans. Os artistas de Vigo, Pontevedra e Cangas triunfan neste certame, no que xa gañaron a gravación dun single e dun videoclip nos estudios coruñeses. A finais de agosto, mediante unha audición final en directo no Festival de la Luz, darase a coñecer o gañador absoluto de Sonidos Mans Salas, quen terá a oportunidade de tocar nunha prestixiosa sala de Galicia.

Desde o ano 2021, os Estudios Mans (A Coruña) apostan polo talento emerxente da nosa comunidade a través de iniciativas como Sonidos Mans Salas. Este concurso impulsa as carreiras musicais de novos artistas galegos, pois presentando un tema orixinal e inédito poden gañar importantes premios. Como se mencionou anteriormente, os tres finalistas gozan da gravación dun single e un videoclip mentres que o gañador, a maiores, é quen de dar un concerto nunha sala galega de renome.
Noutras edicións, chegaron á final do certame artistas como The Rapants, Catuxa Salom ou Helena Egea e, nesta ocasión, os afortunados son os seguintes:

Crúas (Vigo)
Título do tema presentado: “COMPAÑEIRA“
Tras case dous anos xirando por escenarios galegos, Crúas prepárase para unha nova etapa. Ata o momento, a súa proposta era íntima e delicada. Dedicábase, maioritariamente, a musicar poemas galegos de autoras contemporáneas. Porén, a partir de agora, as artistas viguesas manifestan a súa vontade de atopar un son propio, sen perder a elegancia, delicadeza e sutileza que caracterizan o seu dúo de piano e voz. “COMPAÑEIRA” é un exemplo diso. O tema propón unha melodía sinxela que recorda á música popular, chea de ritmo.
Podes escoitalo premendo AQUÍ.
Pablo y los Ciervos Dorados (Pontevedra)
Título do tema presentado: “Ciervo Dorado“
Pablo y los Ciervos Dorados é unha banda pontevedresa formada por Pablo Corbillón, a súa irmá Elena Corbillón e o seu amigo Muellín. Aposta por temas longos, con trazas de slowcore, inspirados en Red House Painters, Low, Slint e Velvet Underground.
Podes escoitalo premendo AQUÍ.


Sara Gimeno (Cangas)
Título do tema presentado: “Saber por Ti“
Gañadora da modalidade de música da pasada edición do certame Xuventude Crea, Sara Gimeno destaca pola potencia da súa voz e a autenticidade e frescura do seu estilo: unha reinterpretación do R&B cargada de personalidade. A raíz do recoñecemento mencionado, a cantante canguesa acadou certa visibilidade, actuando en diversas salas como A Casa de Arriba ou en festivais como Atardecer no Gaiás. No escenario, está sempre acompañada dos músicos Víctor Chao (guitarra), Antón Noche (baixo) e Adán Rodal (percusión).
Podes escoitalo premendo AQUÍ.
O 29, 30 e 31 de agosto, estas bandas ofrecerán unha audición final no Festival de la Luz, compartindo escenario con Rigoberta Bandini, Mondra, Heredeiros da Crus e Tanxugueiras, onde se anunciará o gañador absoluto da edición do presente ano 2025.





