BANNER CANS
BANNER GALAXIA

Os Sacco, exemplo da influencia italiana na conserva de Vigo

Como a historia dunha cidade industrial é a historia da súa industria, hoxe imos coñecer un anaquiño máis da historia de Vigo da man dos Sacco.

O edificio de conservas Sacco na actualidade. | @tiempo_de_uxbex

Os Sacco foron un importante expoñente da comunidade de conserveiros italianos establecidos na ría de Vigo. Como destacan no Museo da Conserva, os conserveiros italianos asentáronse na nosa ría durante a primeira metade do século XX. A súa chegada respondeu á crise da pesca e da industria conserveira que sufría Italia desde finais do século XIX. A calidade e a riqueza das rías galegas, xunto coa infraestrutura portuaria e as conexións comerciais de Vigo, foron os principais reclamos para que empresarios como Virzi, Lago Paganini, Pietro Montemerlo e Attilio Gaggero recalaran nestes lares. Todos eles deixaron unha pegada significativa na industria conserveira galega, pois consolidaron a rexión como un referente internacional na produción e exportación de conservas de peixe e marisco.

A Fábrica de Conservas Sacco, na rúa de Jacinto Benavente, foi unha das máis relevantes en Vigo na primeira metade do século XX, vinculada á empresa Sacco & Cía, fundada por Augusto Sacco, un empresario italiano especializado na exportación de conservas de peixe, especialmente anchoa. En 1939, a compañía cambiou a súa razón social de Sacco & Cía a Conservas Sacco, S. A. Esta empresa destacou pola súa forte orientación ao mercado internacional, pois exportaba os seus produtos a Francia, a Italia e aos Estados Unidos, mercados onde o consumo de peixe en conserva constituía unha industria consolidada. Para fortalecer a súa presenza nestes países, rexistrou unha serie de marcas comerciais con referencias simbólicas de grande impacto: Antipasto Stella d’Italia, Arc de Triomphe, Les Rois Mages, Notre Dame, L’Opéra, Colisée e Pegaso. Estas marcas non só axudaban a situar a empresa en mercados estratéxicos, senón que tamén transmitían unha mensaxe de calidade, tradición e prestixio, claves para diferenciarse nun sector altamente competitivo.

Imaxe cedida polo Museo da Conserva

O inmoble non só funcionou como centro de produción de conservas, senón que tamén albergaba unha fábrica de envases, o que demostra un modelo de negocio autosuficiente, característico das grandes conserveiras do momento. Esta infraestrutura propia permitiulle reducir custos, mellorar a distribución dos seus produtos e consolidarse nos mercados europeos e americanos. A construción presenta características típicas do deseño e composición das fábricas de conserva e salgadura da época, moi similares a algunhas que aínda se manteñen en pé na ría de Vigo. Construída arredor de 1920, formaba parte da paisaxe industrial histórica de Vigo, nun momento en que o crecemento portuario empuxa as industrias do Areal e Guixar a expandirse cara ao areal de Coia, xunto a Conservas Albo, Floro González, Quirós, Cerqueira e A Artística. Empresas doutros sectores tamén elixiron esta localización para situaren novas fábricas ou ampliaren instalacións, como Estaleiros Barreiras, Estaleiros Cardama, Instituto Bioquímico Miguel Servet, Cadeira y Esténs e Rey e Hijos.

O edificio de conservas Sacco na actualidade. | @tiempo_de_uxbex

A fábrica de Sacco carece de protección ningunha no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Recentemente o seu actual propietario, Freiremar, pediu permiso ao Concello para rehabilitar o inmoble. Este permiso foi denegado polo Concello de Vigo, que declarou o inmoble en ruína e tramitou unha orde de derrubamento para o edificio.

Por: Newt Crafts e Beiramar da Xente

REVISTA MAIO