REVISTA ABRIL

Os Fernández e o nacemento de Pescanova

Como a historia dunha cidade industrial é a historia da súa industria, hoxe imos coñecer un anaquiño máis da historia de Vigo da man dos Fernández.

Os irmáns Fernández son uns grandes descoñecidos, pero pertenceron a unha das sagas empresariais máis importantes da Galicia do século XX. Todo comezou co seu pai, Antón de Marcos, quen chegou a ser un importante tratante de gando en Sarria. Á súa morte, os seus fillos fixéronse cargo dos negocios familiares. Por aquel entón, o gando transportábase vivo para sacrificar en Madrid: na década de 1920, saían cada ano no ferrocarril 200.000 reses de vacún para seren sacrificadas nos matadoiros de Madrid e Barcelona. Con todo, algúns animais morrían no traxecto ou perdían peso, polo que «en provincias» xurdiu un proxecto para construír matadoiros que permitan mandar os canais refrixerados a Madrid.

Entre 1934 e 1936 José Fernández faise coa concesión dos matadoiros que fracasaran no Porriño e en Mérida. En xullo de 1936 estala a guerra civil e eses dous matadoiros dos Fernández quedan na «zona nacional». Pese ao seu galeguismo, os Fernández vense obrigados a abastecer de carne o exército sublevado, do que son o principal subministrador. Non obstante, tamén aproveitan a súa posición para dar acubillo nas súas empresas a coñecidos intelectuais galegos represaliados, como Isidro Parga Pondal, Ricardo Carvalho Calero ou Valentín Paz Andrade.

Nos anos cincuenta, coas innovacións aparecidas no ámbito da pesca, cos primeiros buques e arrastreiros conxeladores (Evridiki), José Fernández pensou en aplicar na pesca os procesos de produción dos seus matadoiros. Tras a negativa de Gaspar Massó e Javier Sensat a crearen unha sociedade conxunta, Fernández decidiu crear a súa propia empresa pesqueira, para o que recrutou a Valentín Paz Andrade, avogado especializado en temas de pesca. Desta maneira, en 1960 nace Pescanova.

Buque Lemos no Porto de Vigo

Fernández e Paz Andrade crearon un modelo de negocio revolucionario para a época, coa combinación de arrastreiros conxeladores, que pescaban en caladoiros antes inaccesibles, e buques factoría, que procesaban o peixe en mar aberto e o descargaban a buques de transporte conxeladores, que levaban o peixe conxelado a Vigo, desde onde se distribuía sen romper a cadea de frío. Toda esta innovación na pesca e no procesamento do peixe en mar aberto ía acompañada en terra pola creación dunha rede frigorífica propia, así como pola implantación de exitosas campañas publicitarias e de márketing. Así, en 1968, Pescanova contaba xa coa maior frota conxeladora de Europa.

Na década dos setenta, Pescanova distribuía unha gama de más dun centenar de produtos conxelados cunha frota de sesenta camións frigoríficos a máis de cen delegacións en España. Nesa época, Pescanova volveu adiantarse aos seus competidores coa creación de empresas mixtas nos países ribeiráns, o que lle permitiu sortear se problema a ampliación da zona económica exclusiva a duascentas millas náuticas, que supuxo a fin de moitas grandes pesqueiras. A empresa tamén foi unha das pioneiras no ámbito da acuicultura nos anos oitenta.

En 2013, a compañía solicitou o preconcurso de acredores por unha débeda de 1.522 millóns de euros. Isto acabou con José María Fernández Sousa-Faro, fillo do fundador, no cárcere e a familia Fernández fóra da xestión da empresa, que, tras varias reestruturacións e cambios de propiedade, agora está en mans de Abanca. Na actualidade, xa como Nueva Pescanova, o grupo empresarial opera en 19 países con 10.000 empregados en todo o mundo. Nueva Pescanova é a primeira empresa pesqueira de España e a quinta de Europa, así como un dos 25 principais grupos da industria pesqueira mundial, cunha facturación de máis de mil millóns de euros ao ano.

Edificio de Pescanova na rúa Beiramar

O único vestixio de Pescanova que conservamos en Vigo é o seu antigo centro loxístico na rúa Jacinto Benavente, un edificio en altura con tres zonas de manobra loxística que pode soportar grandes cargas. Trátase dun inmoble perfectamente adaptable ao uso residencial, que permitiría conservar parte da súa composición na fachada e os elementos e maquinaria máis característicos. Na actualidade está en mans do fondo BlackStone e carece de protección ningunha no Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM).

Por: Newt Crafts e Beiramar da Xente