Tras a cancelación de Ilegales, El Drogas incorpórase como cabeza de cartel de The Wild Fest

The Wild Fest anuncia a incorporación de El Drogas como cabeza de cartel, tras a cancelación de Ilegales debido a un problema de saúde que afecta ao seu vocalista, Jorge Martínez. Esta información deuse a coñecer onte, martes 2 de setembro, ás 22:00 h a través dun comunicado nas redes sociais da banda e do propio festival.

FAITE AMOVIDALOVER
El Drogas | Daniel Fernández

Enrique Vilarreal Armendáriz, El Drogas, ocupará o lugar de Ilegales no cartel de The Wild Fest e actuará o venres no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Trátase dun músico pamplonés de renome e dunha figura clave do rock en español, coñecido por ser durante case tres décadas cantante e baixista da banda Barricada, coa que gravou quince discos. Ademais da súa inconfundible voz, El Drogas tamén destaca como compositor, sendo o responsable de himnos do rock estatal como En blanco y negro, No hay tregua ou Todos mirando. En definitiva, o seu carisma e enerxía convertérono nunha icona dos anos oitenta e noventa.

Cambiar a actuación do cabeza de cartel do sábado para o venres conleva outras importantes modificacións na distribución dos concertos ao longo da fin de semana. As máis relevantes son o traslado da final de Salvaxesons, cos concertos de Supergigante, Martin Human, Exeria e Gargantúa, para o sábado; e o cambio do concerto de Sr. Salvaje para o venres, previo ao de El Drogas. Así mesmo, o horario das sesións de The Wild Cinema tamén sofre variacións. Porén, as actividades infantís e a programación do domingo mantense.

As persoas que adquiriron entradas para o sábado poderán utilizalas para gozar da actuación en directo de El Drogas o venres, sen necesidade de realizar ningún trámite adicional. Aqueles que desexen devolvelas, poderán facelo. Con todo, a venda continúa activa, con entradas dispoñibles para o venres a un prezo de 10,00 €.