Touriñán, Ignatius e Escuchando Elefantes esta fin de semana en Vigo

Remata o Hematofesti cunha charla sobre economía na que participa Xosé A. Touriñan, as xornadas ‘Queremos literatura infantil’ e un monólogo de Ignatius Farray. Tamén chega ao seu fin o festival de música de cámara, Sinerxias 430 e a banda coruñesa Escuchando Elefantes presenta novo álbum na sala Master Club. Neste artigo recompilamos os dez plans que recomendamos esta fin de semana en Vigo, facendo click no título achégase máis información sobre cada evento.

Hematofesti – venres 7 e sábado 8 en distintos puntos – De balde

O Hematofesti remata, pero non con pouco. O venres 7 para o público máis profesional haberá conversas sobre cultura e economía con participantes como o actor Xosé Antonio Toruiñán. Pero o humor non pode faltar coa actuación de Ignatius, a quen de feito entrevistamos estes días. E o remate final é máis reivindicativo coa xornada Queremos Literatura Infantil e a entrega do premio Lenda do Recreo a Teresa Rabal.

Sinerxias 430 – venres 7, sábado 8 e domingo 9 nos Auditorios Rosalía de Castro e Martín Códax – 6,00

O Festival Internacional de Música de Cámara en Vigo ‘Sinerxias 430’ afronta a fin da súa primeira edición con tres concertos repartidos ao longo da fin de semana. ‘Camiños cruzados’ o venres coa violinista Clémence de Forceville e o pianista Sergio Gómez. O sábado ‘Murmurios e correntes’ protagonizado por Luz Elisabeth Sánchez (viola) e Santiago Meijide (piano). E finalmente o domingo pecha con ‘Fortalezas do espirito’ onde Dorottya Standi (violonchelo) e Jevgēnijs Čepoveckis (violín) liderarán un diálogo entre épocas e sensibilidades.

Werther o la cumbre de la ópera romántica – venres 7 ás 19:00h no Vitruvia Café – De balde

Asociación Amigos de la Ópera organiza o seu Otoño Lírico, co fin de fomentar a afección pola ópera e que os seguidores da mesma poidan desfrutar anualmente deste xénero. Desta vez o Vitruvia será escenario dunha mesa redonda sobre a obra de Jules Massenet, Werther, un drama lírico en catro actos e cinco cadros de argumento extremadamente romántico que narra a historia de amor imposible entre Werther e Charlotte. Ao día seguinte represéntase no Teatro García Barbón.

Escuchando Elefantes – venres 7 ás 21:30h na Sala MasterClub – Desde 15,20 € 

Escuchando Elefantes son dúas voces que chegaron a sonar como unha, comezaron facendo baladas e potentes cancións de voces resoantes en inglés. Porén agora en castelán o dúo coruñés segue co seu estilo e presenta novo disco, ‘Momentos’ na sala Master Club.

Lord Bishop Rocks – venres 7 ás 22:00h na Sala Rebullón – Desde 15,00 €

Enerxía bruta e a súa natureza impactante, Lord Bishop Rocks ten este modelo estilístico que leva o rock a niveis estratosféricos. Imaxina melodías ao estilo dos Beatles, a contundencia de Black Sabbath e o funk de James Brown todo nun só. Cando lle preguntan pola súa idade, gústalle responder: “Son o suficientemente novo para rockear, pero o suficientemente vello para saber como facelo!”

Mercado reciclado – sábado 8 ás 12:00h na Morada – De balde

Mercado Reciclado é unha iniciativa da deseñadora de moda Felicetta Gualtieri (fundadora de @supra_lab), que cada mes amosa marcas locais de roupa upcycling, segunda man e artesanía. Este sábado celebra o seu terceiro aniversario con postos de venda, música e petiscos.

Magosto na Rebullón – sábado 8 ás 18:00h na Sala Rebullón – Se balde

Xornada chea de castañas, animación e música para todas. Os nenos poderán desfrutar do espectáculo sobre rodas de CABICIVAI, mentres os maiores poderán escoitar a Os Punkis da Tellada, gaiteiros de Liméns, coñecidos como Os Ramones do folc. Tamén contan coa visita dos portugueses UXU KALHUS e o cuarteto tracicional de bisbarra Os Mangacarballos. E so non fose suficiente os Duendeneta DJ’s pecharán a noite.

Brian Brody and Rónan Snodaigh – sábado 8 ás 21:00h no The Monk Pub – Desde 12,00 €

Dous dos nomes máis icónicos do folc en Irlanda e no mundo chegan a Vigo. Brian Brody é recoñecido como unha das voces máis importantes dos pubs de Dublin que ten levado as súas melodías a rincóns de Oriente Medio ou latinomaérica tanto como ao mundo anglosaxón. E Rónan Snodaigh, o percusionista compoñente de Kíla, un dos grupos de música gaélica máis recoñecidos. Xuntos veñen a Galicia de foliada a compartir a súas músicas do mundo.

Vigo Dance Festival 2025 – sábado 8 e domingo 9 no Auditorio Mar de Vigo – De balde

Este festival de danza comeza o sábado pola tarde e continúa todo o domingo, con actuacións de colexios e asociacións locais e un sorteo de viaxes ás Illas Cíes. A artista e comunicadora Mayka Aguado exercerá un ano máis como mestra de cerimonias, guiando o desenvolvemento do evento e animando ao público durante as dúas xornadas.

Programa do Vigo Dance Festival 2025

Visita guiada artística – domingo 9 ás 12:00h na Farola – Caixa inversa 

REVISTA NADAL

O centro de Vigo convértese nunha especia de museo de arte grazas a Jorge Sánchez, director do centro ArteSá e profesor de Historia da Arte, que realizará unha visita guiada explicando a parte máis artística e cultural da cidade. O paseo é aberto a todo o mundo e con pago da vontade ao final da visita.