Todo o mes é 25 de abril

Cantada do Grândola, Vila Morena en Vigo | Fotos: Lara Alonso

Nos últimos anos é habitual ver cada 25 de abril un grupo amplo de persoas na rúa do Príncipe entoando o Grândola, Vila Morena, de Zeca Afonso, para conmemorar a fin da ditadura portuguesa nesa data en 1974. A Revolución dos Caraveis, ou Revolução dos Cravos en portugués, supuxo o derrocamento do Estado Novo, o réxime ditatorial de Europa occidental máis lonxeva do século XX, que dirixía o país con man autoritaria desde 1926.

A referencia floral debeuse a un xesto espontáneo de Celeste Caeiro, filla de galega, que aquel día levaba consigo caraveis para a inauguración dun restaurante que finalmente fora cancelada. Ao se atopar cos soldados nas rúas de Lisboa, foilles ofrecendo as flores, que estes colocaron nos seus fusís. A imaxe estendeuse axiña e acabou por converter o cravo na icona do alzamento democrático portugués. A canción Grândola, Vila Morena é outra desas iconas que permanecen na memoria colectiva, pois foi o contrasinal utilizado polo Movimento dos Capitães para iniciar a revolución contra o réxime cando fose retransmitida pola emisora Rádio Renascença. A canción fala da fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentejo, e fora prohibida pola ditadura por considerarse un himno comunista.

A asociación viguesa Memoria, Verdade e Xustiza organiza unha serie de actividades especiais arredor desta efeméride tan significativa para o país veciño. O xoves 9 a historiadora portuguesa Raquel Varela visita o Instituto Santa Irene para ofrecer unha charla verbo do que realmente aconteceu o 25 de abril, un dos ámbitos nos que é especialista. Algunhas das teorías que defende non son habituais no discurso xeneralista, como a idea de que a orixe da revolución está nas revoltas anticoloniais dos anos sesenta en Angola, Mozambique e Guinea-Bissau, ou o feito de que tanto as ditaduras como as transicións democráticas de Portugal e España están estreitamente relacionadas.

O xoves 16 os Multicines Norte acollen a proxección de Memórias do 25 de abril. 50 anos da Revolução dos Cravos, de Carlos Pronzato. Medio século despois, capitáns de Abril, militantes e actores sociais da época, historiadores, académicos, xornalistas e investigadores formaron parte do elenco deste documental, estreado en 2024, que pretende refrescar a memoria das loitas populares en tempos dunha nova ascensión das dereitas no mundo.

Unha semana despois, o día 23, na Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores, Margarita Ledo ofrece unha charla relacionada coa súa experiencia persoal no Portugal daquela altura. A cineasta, escritora e xornalista lucense estivo exiliada dous anos no país luso por causa do seu activismo político, polo que viviu de primeira man o levantamento do 25 de abril. O acto péchase coa interpretación do Grândola por parte do coro Lembranzas Galegas, da Asociación de Lavadores.

Por último, o propio 25 de abril, diante do museo Marco (un espazo polo que tantos e tantos represaliados polo réxime franquista pasaron cando aínda era un cárcere), ten lugar a popular xuntanza para cantar o Grândola, Vila Morena, coa participación do artista multidisciplinario Nelson Quinteiro. Esta canción, por certo, interpretouse en directo por vez primeira en Santiago de Compostela en 1973.

Máis que unha data, o 25 de abril segue a ser unha práctica viva de memoria colectiva: todo o mes, e quizais todo o ano, é 25 de abril.

Programa

  • Xoves 9 ás 19:30 h: Charla de Raquel Varela no IES Santa Irene
  • Xoves 16 ás 19:30 h: Proxección do documental Memórias do 25 de abril nos Multicines Norte
  • Xoves 23 ás 19:30 h: Charla de Margarita Ledo na AVCD Lavadores
  • Sábado 25 ás 12:00 h: Cantada do Grândola, Vila Morena diante do Marco
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.