Todo apunta a que o nenúfar xigante da Fundación Sales florecerá entre os seráns de hoxe e mañá

Ano tras ano, veciños, visitantes e turistas reúnense nos xardíns da Fundación Sales para gozar do florecemento da súa Victoria cruziana, un ritual que xa se convertiu nunha das citas máis destacadas da axenda estival viguesa. Nesta ocasión, mentres os galegos sufrimos un momento de incerteza con respecto ao futuro dos nosos bosques, a natureza decide agasallarnos cun instante de esperanza.

Victoria cruziana | Cedida

Cada verán durante apenas un día e medio, a Victoria cruziana da Fundación Sales abre as súas flores, realzando a beleza do xardín. Este ano, todo apunta a que o florecemento terá lugar entre os seráns de hoxe, 20 de agosto, e mañá, 21 do mesmo mes.

Ademais, estrea un novo fogar: un estanque especialmente deseñado para ela, patrocinado pola empresa viguesa Ibercisa Deck Machinery. Dito espazo ofrécelle á planta mellores condicións para despregar o seu cobizado misterio. Así mesmo, tamén son responsables da súa efémera perfección as mans sabias e xenerosas que asumen o seu mantenemento diario.

En definitiva, as portas da Fundación Sales permanecerán abertas entre as 16:00 e 21:00 h, convidando a todo aquel que o desexe a deixarse abraiar por esta cita única coa natureza, así como a deleitarse co resto de especies de gran importancia que viven no xardín.

A Fundación mantén vivo o soño de Francisco de Sales Covelo: un xardín botánico que, á vez, é un espazo de conservación, cultura e encontro. Un lugar onde as plantas falan en silencio e onde, cada verán, a Victoria cruziana recorda que a beleza máis grande pode brotar da fraxilidade.

Para máis información, pódese visitar a súa páxina web premendo AQUÍ.