Todas as fogueiras e sardiñadas de San Xoán 2026
Vigo prepárase para vivir a súa noite máis máxica e iluminada do ano cun despregue de fogueiras que invadirá tanto o corazón urbano como os recunchos de cada unha das súas parroquias. Desde macrofestas que estenden a tradición durante varios días como en Freixo, ata citas consolidadas a pé de costa en Teis, Saiáns, Coruxo ou Canido, pasando polo clásico encanto mariñeiro da Praza do Berbés. O arrecendo a sardiñas asadas, o son das gaitas, o folclore tradicional e o rock en directo serán o fío condutor dunha noite máxica na que a cidade se unirá arredor do lume para queimar o vello, esconxurar as meigas e darlle unha benvida por todo o alto ao verán.
(Para consultar a programación completa, fai click no título de cada unha)

A costeira de Saiáns prepárase para vivir unha gran Noite de San Xoán o vindeiro martes 23 de xuño nunha velada que mesturará tradición, boa mesa e moito ritmo. A cita arrancará ás 22:00 h cunha gran sardiñada popular na que non faltarán os chouripáns, as empanadas e o servizo de barra. A música en directo collerá o relevo ás 23:30 h da man do grupo Storrentos, encargados de quentar os motores xusto antes do momento máis agardado: o acendido da fogueira a medianoite.
Moi preto da praia de Canido, concretamente no lugar de Liñares pertencente á parroquia de San Miguel de Oia, tamén arderá o tradicional lume do martes 23 de xuño a partir das 21:00 h. Alí, veciños e visitantes poderán saborear sardiñas e chouripáns asados de balde ata que se esgoten as existencias nos postos habilitados polo barrio. O ritmo da xornada estará asegurado cunha proposta de música en directo e a posterior animación de DJ La Pachanguita, quen se encargará de manter a pista activa antes e despois de que a medianoite faga arder a gran fogueira comunitaria.
A parroquia de Coruxo tamén vivirá a súa noite máis máxica no emblemático Torreiro de Festas do Vao o martes 23 de xuño. Organizada polo CRACC, a celebración arrancará ás 21:30 h cunha sardiñada popular idónea para coller forzas antes do acendido do lume. O ritmo e o baile para esconxurar os malos espíritos estarán máis que garantidos grazas ás actuacións en directo programadas polas propias Escolas do CRACC e polo son festeiro da Batucada Leña Verde.
En Alcabre, a música e a tradición uniranse a partir das 20:00 h nun torreiro cuberto por carpa para garantir a festa rachada. A programación musical do martes 23 de xuño contará coas pandereiteiras Ghandainas, música tradicional, o rock de Los Juais, os ritmos de Bate no Cobre e o rap metal de Vimbio. Tras o inicio dos concertos, a partir das 21:00 h, o público poderá degustar a clásica sardiñada e chourizos asados, mentres que o momento álxido chegará a medianoite co acendido da gran fogueira, deixando o fin de festa en mans de Fran DJ para bailar ata ben entrada a madrugada.
5. BOUZAS -Martes 23 e mércores 24
No barrio de Bouzas celebran o San Xoán durante dúas xornadas e con moita música en directo. A festa arranca o martes a partir das 18:00 h con sardiñada e as actuacións de La Mafia e Plan B, antes e despois da fogueira respectivamente. Ao día seguinte en sesión vermú haberá xogos para nenos e a actuación musical de Sehiba.
A Fogueira de San Xoán da Industria volverá converter o Parque García Picher nun punto de encontro para celebrar a noite máis curta do ano con música, gastronomía e tradición. A cita organizada pola Asociación Cultural As da Industria contará cunha programación variada, con actuacións para diferentes públicos e propostas que van desde a música tradicional ata sons máis alternativos, ademais das habituais sardiñas e opcións gastronómicas veganas.
Para os que prefiran quedar no centro urbano, a Praza do Berbés volverá ser o epicentro da mítica “Noite das Fogueiras” no Casco Vello vigués. O martes 23 de xuño, a histórica praza porticada encherase do arrecendo das sardiñas asadas e dun gran ambiente festivo arroupado polos negocios de hostalaría do barrio. A música, o lume e os rituais de auga mesturaranse nunha noite máxica ao pé do mar onde veciños e visitantes se reuniran arredor das fogueiras para queimar o vello e dar a benvida ao verán.
O Paseo Marítimo da ETEA será o epicentro do San Xoán no barrio de Teis, nunha edición moi especial na que a asociación veciñal celebra o seu 50º aniversario. A música en directo arrancará ás 20:00 h co rock de Frans Banfield e continuará ás 21:45 h da man de Blue Monk, mentres os asistentes desfrutan de sardiñas, pan con chourizo e bebidas dispoñibles no recinto. Tras o simbólico prendido da fogueira a medianoite, a festa prolongarase a partir das 00:30 h cos ritmos tropicais de El Cuarto de Tula.
Balaídos volverá sumarse ás celebracións da noite de San Xoán coa tradicional fogueira organizada pola Asociación Veciñal Val do Fragoso. A cita reunirá veciñanza e visitantes arredor dunha noite de música, gastronomía e tradición, aínda que polo momento a programación e os horarios desta edición permanecen pendentes de confirmación.
Matamá ofrecerá unha celebración que mesturará tradición, música e actividades para todas as idades. Ademais da habitual sardiñada e da fogueira, a programación recupera unha das tradicións máis ligadas a esta data, a recollida das herbas de San Xoán, cunha proposta que combina divulgación, folclore e festa ata a madrugada.
No Monte da Mina, en Castrelos, o San Xoán vivirase intensamente dende a mañá coa súa novidosa saída comunitaria (de 12:00 h a 13:30 h) para recoller as tradicionais herbas máxicas polo barrio. A verbena arrancará ás 21:30 h nun espazo que contará con opcións para cear na súa cafetería —baixo reserva— e unha ampla zona verde onde a organización recomenda levar unha toalla para acomodarse entre baile e baile. O momento álxido chegará a medianoite co acendido da fogueira, momento no que os veciños poderán queimar os papeis cos seus desexos e purificar os malos espíritos proporcionados polos membros da directiva alí presentes.
O local da asociación da Unión Veciñal Cultural e Deportiva de Candeán será o punto de encontro para os veciños desta parroquia o martes 23 de xuño a partir das 21:00 h. A comisión organizou un bo menú festivo a base de sardiñas, choripán, viños, cervexa, refrescos e unha indispensable queimada para espantar o meigallo. O apartado musical e o folclore tradicional estarán moi ben representados grazas ás pezas en directo da Charanga Imperiais e ao ritmo do grupo de pandereiteiras Augas de Maio, que poñerán as notas sonoras á noite máis curta do ano arredor do lume.
13.FREIXO – Venres 19 a mércores 24
Pola súa banda, o lugar de Freixo, na parroquia de Valadares, estende a celebración ao longo de seis intensos días de programación relixiosa e popular. A actividade arrancou o venres 19 de xuño, pero o día grande chegará a tarde-noite do martes 23 de xuño cunha gran sardiñada e churrasco popular amenizada por agrupacións folclóricas locais; tras unha tirada de fogos artificiais ás 23:45 h, prenderase a fogueira a medianoite para dar paso á verbena co Trío La Noche de O Grove e o Grupo Ritmo, poñendo o broche final o mércores 24 co concerto tributo de Nacional 81.
A parroquia de Bembrive será un dos puntos de encontro da noite de San Xoán en Vigo cunha celebración que combinará tradición, gastronomía e música ata a madrugada. A sardiñada popular a partir das 20:00 h, a actuación do grupo Arroulada ás 21:00 h e a sesión da Disco Móbil Nexus ás 00:00 h protagonizarán unha festa pensada para gozar dunha das noites máis especiais do ano arredor do lume e das tradicións galegas.
A parroquia de Cabral tamén prenderá a súa propia fogueira o martes 23 de xuño a partir das 20:00 h. A cita, organizada pola Asociación Vecinal, Cultural e Deportiva de Cabral no seu local social da Avenida Santa Mariña, convida a toda a veciñanza a gozar dunha velada cargada de tradición culinaria. No recinto non faltarán as clásicas sardiñas asadas, os chouripáns e o bo viño para acompañar unha noite de confraternización que estará moi ben ambientada musicalmente e que terá como gran protagonista o acendido do elemento purificador do lume.
Na parroquia de Valladares, a Noite de San Xoán tamén se vivirá cun marcado carácter tradicional grazas á programación deseñada polo seu Centro Veciñal e Cultural. O martes 23 de xuño, a partir das 21:45 h, as inmediacións da cafetería da entidade —situada a carón do pavillón polideportivo do Pedregal— acollerán unha gran fogueira comunitaria. Os asistentes poderán cear a prezos totalmente populares grazas a un menú que ofrece bocadillo de chourizo acompañado de viño ou auga por tan só 1,00 €, mentres desfrutan do folclore local coas pezas en directo interpretadas pola Agrupación Folclórica do C.V.C. de Valladares.
Zamáns volverá sumarse ás celebracións da noite de San Xoán cunha nova edición da súa tradicional fogueira, unha cita que reunirá veciñanza e visitantes arredor dunha das festas máis arraigadas do calendario galego. A celebración terá lugar na finca anexa ao Centro Cultural, un dos espazos autorizados para vivir a noite máis curta do ano en Vigo, aínda que polo momento a programación e os horarios permanecen pendentes de confirmación.
A Comunidade de Montes de Tameiga celebra un ano máis esta tradicional festa galega. As actividades arrancan ás 18:00 h cunha formación sobre os rituais e as prantas de San Xoán e continúa coas actuacións de as Zaragateiras, Argonat Band, s Mangacarballos e sesión dj despois da fogueira.
SARDIÑADAS E OUTRAS CELEBRACIÓNS
A. NAVIA
Nos xardíns do Centro Cultural Emilio Crespo haberá sardiñas, chourizos amenizada pola actuación das pandereteiras Estraloque.
B. CASCO VELLO ALTO
Un ano más os veciños do Casco Vello Alto celebran a súa tradicional sardiñada na praza do Abanico a partir das 19:30 h. Ademais de sardiñas haberá moitas outras delicias gastronómicas e sesión musical a cargo de Dj Dame Estrellas.
C.CENTRO CULTURAL DE BEADE
O Centro Cultural de Beade e a Irmandade de Festas de Santa Ana aúnan forzas e celebran unha gran sardiñada no propio centro cultural coas actuacións do grupo de gaitas Arume e o grupo vocal Maruxia.
SAN XOÁN XUNTES
Dentro das actividades do Orgullo Crítico 2026, as asociacións Nós Mesmas e Avante LGTB organizan esta xuntaza na praia de Santa Baia a partir das 20:00 h para gozar da noite máis curta do ano nun espazo seguro e máxico.

