REVISTA ABRIL

Toda a programación de Vigocultura dos próximos meses

Xa coñecemos todos os espectáculos que formarán o calendario de Vigocultura desde xaneiro ata abril, formado por obras de todo tipo e para todas as idades. Máis de 20 espectáculos de teatro, maxia, danza, circo e música.

Vigocultura, deu a coñecer esta semana a Programación Municipal de Artes Escénicas do próximos 4 meses. Nela atopamos espectáculos de música, teatro, danza, circo e maxia, dirixidos tanto a público adulto como infantil. Os días 25 e 26 de xaneiro darase a coñecer a programación na rúa a través do espectáculo de animación EZ Sub + EZ Aviador, en Príncipe.

O ciclo comezará o 1 e 2 de febreiro con Commedia, unha obra de teatro de Cándido Pazó e Carlo Goldoni. O día 3 será o turno de UMMM!, unha obra de teatro musical familiar de Avento Producións Teatrais. Ambas as dúas serán en galego.

O 8 de febreiro teremos La novia de Don Quijote, na que Mercedes Castro interpretará a Aldonza.  Unha muller con peso e con retranca, dura e tenra, nin vella nin nova, que non conta todo o que sabe. Dous días despois estará Facendo o indio, un espectáculo familiar que está de estrea en Galicia. Un repaso á cultura das tribos de indios americanos, na que a tribo dos “pesgrandes” intentará non extinguirse e loitar contra o seu peor inimigo: eles mesmos!

Continuando con teatro, neste caso adulto, o 15 será a quenda de Lo nunca visto, da compañía La Estampida. A un mes do peche por impagamentos do seu estudio, unha decrépita profesora de danza e teatro para nenas, decide que é o momento do “agora ou nunca”, de realizar un espectáculo que revolucione a arte contemporánea. Dous días despois, Culturactiva trae Saaabor!, un espectáculo cómico en galego que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.

O 22 de febreiro tocaralle á interesante Playoff, onde Marta Buchaca escribe para La Joven Compañía unha traxicomedia que reflexiona sobre o papel da muller e do deporte feminino nunha sociedade que aínda manifesta un machismo feroz en moitos ámbitos. Un par de días despois La Canica trae Historia de un calcetín, un espectáculo familiar sobre os inseparables calcetíns Tin e Ton.

Marzo comezará co Programa Especial 3×3, no que haberá 3 espectáculos, 3 disciplinas artísticas, en 3 espazos e por 3€. Os espectaculos, que se representarán os días 1 e 2, serán Sorpresa! (estrea mundial), Unha rosa entre as pernas e Hoy puede ser mi gran noche. Continuando coa temática infantil, Percubebé estará o 3 de marzo cunha triple función no que a xente miúda e as persoas adultas aprenden, gozan e descobren o mundo das percusións e da arpa.

Como vén sendo habitual, Vigocultura conmemora o Día Internacional da Muller (8 de marzo) co espectáculo Anatomía dunha serea, da actriz Iria Pinheiro, que fala dunha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o embarazo e o parto.

Tamén haberá espazo para a maxia con Lafayette Show, do mago Cayetano Lledó. Un espectáculo de maxia con comedia e humor adicado a público familiar. Un espectáculo onde un só artista interpreta todas as personaxes que saen a escena. En canto á música, o percusionista Dominique Molard únese ao trío galego Talabarte, no que será unha oportunidade especial para poder gozar do facer do grupo de músicos que mellor poden representar a variedade e calidade musical das dúas rexións atlánticas, Galicia e a Bretaña.

Seguindo coa música, A nena e o grilo máis aló é unha obra de teatro musical para toda a familia, unha historia divertida e evocadora que nos transporta ás buscas máis insólitas. Menos familiar é D.E.P., de Malasombra Producións, unha trepidante comedia na que se nos amosa con moito humor o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza. Estas obras terán lugar os días 17 e 22 de marzo, respectivamente.

Os fabulosos Cleaners é un espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos. Unha extraordinaria experiencia visual para participar toda a familia que terá lugar o 24 de marzo. Stephy Llaryora e Sergio Macías presentan Running, unha suorenta comedia que terá a súa estrea mundial o 5 de abril. O 7 será a quenda de Yee Haw, onde La banda de otro ofrécenos un (des)concerto tan especial como cada un dos seus compoñentes. Un espectáculo de circo onde resulta imposible distinguir aos músicos dos malabaristas ou dos pallasos.

REVISTA ABRIL

Polo Día Internacional da Danza haberá unha fin de semana adicada integramente a esta disciplina e que contará con dous espectáculos de danza para adultos: La desnudez e Plastic, con Daniel Abreu (gañador de 3 Premio Max 2018, entre eles ao mellor espectáculo de danza), e con Paula Quintas, respectivamente. O domingo 28 de abril a compañía Da.Te Danza farao para os máis pequenos con Akari.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. As entradas para os espectáculos para adultos custarán 8 euros, excepto o programa especial 3X3 que terá un prezo de 9 €, namentres que os dirixidos a público familiar custarán 5 €.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do martes día 15 de xaneiro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio sempre que houbese entradas dispoñibles. Os abonos para a programación deste período pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.