Thenaisie, a pegada gala na conserva viguesa
Como a historia dunha cidade industrial é a historia da súa industria, hoxe imos coñecer un anaquiño máis da historia de Vigo da man dos Thenaisie.

Esta historia comeza en 1909, cando a caída da pesca de sardiña en Galicia provoca un período de grandes dificultades no sector conserveiro e a venda de moitas fábricas. É neste contexto no que Ernoul de la Provôté, financiado pola banca Thenaisie de Nantes, merca unha fábrica no Grove. O maior prestixio da conserva francesa por aquel entón fai que as empresas galegas exporten a Francia grandes latóns cuxo contido era posteriormente reenvasado e comercializado coa súa propia marca, ou ben que aposten pola produción directa baixo denominación francesa. Dentro da sociedade Ernoul de la Provôté Pére et Fils, exportan conservas coas marcas Jules Dormeur, Le Duchesse Marthe, Léon Pompette, De L’Exposition, Les Fonds Rocheux, Le Déjeuner, Henry Chancerelle e Grands Hotels.

Malia ser naquela altura unha conserveira relativamente pequena, Thenaisie participa nos anos cincuenta e sesenta en iniciativas colectivas do sector como Carnaud Galicia, Aucosa ou Facore. En 1967 a empresa amplíase coa compra dunha fábrica en Vigo e pasa a ser sociedade anónima. A fábrica pecha en 1984, pero, aínda coa produción centrada na fábrica do Grove, Thenaisie mantén en Vigo as oficinas centrais e o almacén loxístico. Tras unha crise interna, en 1988 a Corporación Interalimentaria, filial da Corporación do Noroeste, do grupo Fernández, faise co control maioritario da empresa. En 1992 inaugúranse as novas oficinas e almacéns en Mos.

Ese mesmo ano a Corporación do Noroeste pasa a ser propiedade do grupo portugués Cimpor. A conserveira é vendida e desde entón pasa por varias mans. Con todo, non para de aumentar a facturación e destaca na súa adaptación á chegada das grandes áreas de distribución e os hipermercados. As vendas concéntranse na súa marca estrela, Grands Hotels, e en novas marcas como Pombiña, Fisterra, As Redes ou Mar de Mos.

O principio da fin desta saga conserveira chega en 2012, cando a compañía empeza a arrastrar débedas económicas. En 2020 Thenaisie Provôté declárase en concurso de acredores e, tras a liquidación da empresa, en marzo de 2022 a planta do Grove é vendida á conserveira ribeirense Ignacio González Montes, mentres que as estacións de Vigo e Mos quedan sen uso. As oficinas e o almacén loxístico que a empresa tiña en Mos pertencen agora á compañía murciana Maquinaria Conservera Tomás Guillén.
A nave de pedra que a conserveira ocupou na rúa de Jacinto Benavente, no número 19, leva lustros baleira e é propiedade de Aliseda, que proxecta construír 89 pisos. Esta edificación, que tamén foi secadoiro de bacallau, presenta protección estructural dende a derradeira revisión do PXOM aínda que podería correr o risco dunha “posta en valor” do estilo de Bodegas Bandeira.

Por: Newt Crafts e Beiramar da Xente
Davida
Últimos posts de Davida (ver todos)
- Thenaisie, a pegada gala na conserva viguesa - 25 Xuño, 2025
- Casa Mar, o grupo pesqueiro privado máis grande de España - 30 Maio, 2025
- Os Sacco, exemplo da influencia italiana na conserva de Vigo - 26 Abril, 2025
- A descoñecida historia dos irmáns Fernández e o nacemento de Pescanova - 25 Marzo, 2025
- Imperio e caída de Hijos de J. Barreras - 25 Setembro, 2024




