The Wolf and the Lamb, cociña internacional sen présa

A poucos metros do estadio de Balaídos abriu as portas un restaurante singular que invita a unha viaxe de sabores e culturas. The Wolf and the Lamb está especializado en carnes de cordeiro e vaca cociñadas a baixa temperatura durante horas, ata acadaren unha textura melosa e un sabor intenso.

O local é froito da paixón empresarial de Fathi, de orixe tunisiana e francesa, e da súa muller Linda, chef de repostería. Despois de vivir en París, a parella decidiu apostar por Vigo para levantar un proxecto que mestura tradición e unha boa dose de paciencia. Son especialistas en carnes cociñadas a lume maino durante moitas horas. Aquí as cousas non se apuran: unha costela de vaca pode pasar ata vinte e catro horas mariñando e outras sete no forno antes de chegar á mesa. O resultado paga a pena: unha carne moi melosa que se despega do óso cunha soa man, servida en racións abundantes.

A carta de The Wolf and the Lamb é curta e clara: catro pratos principais, todos de carne galega, acompañados por catro gornicións á escolla do cliente. Hai pasta arrabiata con carne e un punto de harissa —unha salsa picante magrebí—, costelas e pa de cordeiro e costela de vaca vella,

cun mariñado intenso, con máis personalidade do que adoita verse en Galicia, no que destaca o gusto a hortelá. Entre as gornicións chama a atención o gratin dauphinois, un prato que os hostaleiros traen da súa etapa en Francia e que consiste en patacas asadas amodo en nata e manteiga e coroadas con queixo fundido.

A isto súmanse entrantes para compartir nos que tampouco falta a carne: chacina de León, carpaccio de tenreira galega ou vitello tonnato, un curioso prato italoarxentino que combina liscos de tenreira asada cunha salsa de atún e alcaparras e que se serve frío. Fathi tamén destaca a boa acollida do brik, unha masa rechea de pataca, atún e ovo, crocante por fóra e suave por dentro, típica de Tunisia. As sobremesas son outro capítulo importante, todas caseiras e elaboradas con calma. A torta de queixo con coulis caseiro de amorodos é a máis popular, pero paga a pena probar a torta tatin (de novo, influencias da cociña francesa), que se serve morna e con xeado de vainilla. Como novidade, a partir deste mes ofrecen menú do día no que combinan a cociña galega con toques internacionais.

O local acompaña a experiencia carnívora cun ambiente acolledor pero sen solemnidade. Predomina a madeira, o que lle dá un aire cálido, e conta cunha ampla terraza envidrada e elevada sobre a rúa que fai que o espazo resulte agradable tanto para tomar unha cervexa (sempre con tapa) antes do partido como para reunir as amizades ou desfrutar dunha cea tranquila en parella.

REVISTA NOVEMBRO

Camiño da Carballa, 72 |@thewolfandthelamb.vigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.