The Wild suspende a edición 2026 e denuncia abandono institucional
O festival The Wild non celebrará edición en 2026. Así o confirma a súa organización a través dun comunicado no que sinala directamente á falta de apoio institucional, especialmente por parte do Concello de Vigo, como un dos factores clave detrás desta decisión.

O festival vigués The Wild acaba de colgar un comunicado na súa web anunciando que non celebrarán a edición de 2026. O festival celébrase desde 2017 no Parque Forestal de San Miguel de Oia e por el pasaron grupos como El Drogas, Ángel Stánich, Arizona Baby, Los Zigarros, Terbutalina, Dakidarría ou Moonshine Wagon. Ademais destaca por combinar a música con proxeccións de cine ao aire libre, probas deportivas e actividades familiares.
Segundo explica a Asociación The Wild, o parón responde a “motivos loxísticos, económicos e organizativos que impiden garantir os estándares de calidade que caracterizan ao evento”. Porén, o comunicado vai máis alá e apunta a unha cuestión estrutural: a escasa implicación das institucións locais nas iniciativas culturais da cidade. A organización asegura que a edición de 2025 xa se desenvolveu nun contexto de “apoio insuficiente”, algo que afectou directamente á viabilidade do festival.

Esta situación, din, non é exclusiva do seu proxecto, senón que forma parte dun problema máis amplo que afecta ao conxunto do tecido cultural independente. Desde The Wild denuncian que os proxectos culturais pequenos e medianos non contan co respaldo necesario para garantir a súa continuidade, malia existir recursos públicos suficientes. Ao seu xuízo, estes non se distribúen de maneira equilibrada, o que acaba por limitar a diversidade e riqueza da oferta cultural.
A pesar do parón, a organización non fala de despedida. No propio comunicado confirman que xa están a traballar nun regreso para 2027, coa intención de recuperar o festival “con máis forza” e mantendo o nivel de calidade.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026
- ‘Reconversión’, unha premiada viaxe entre memoria familiar e loita obreira - 8 Maio, 2026
- O mellor de Play-Doc en 10 actividades imprescindibles - 29 Abril, 2026
- A Movida súmase á campaña Subscríbete ao galego, que agasalla dominio web e hosting aos novos subscritores - 29 Abril, 2026
- A loita pola información en galego: do ‘Tío Marcos’ a TikTok - 28 Abril, 2026

