The Wild Fest, Festa do Marisco, MasterChef e cinema ao aire libre esta fin de semana en Vigo

A primeira fin de semana de setembro vén cargada de eventos e plans para tódolos gustos e idades. Ademais de festas patronais e eventos gastronómicos, Vigo está cheo de actuacións en directo e proxeccións de cinema ao aire libre. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana na cidade, entra na axenda d’A Movida.

The Wild Fest | P. Cermeño

THE WILD FEST – Toda a fin de semana no Parque Forestal de San Miguel de Oia – Desde 10,00 €

A primeira fin de semana de setembro, celébrase a sétima edición de The Wild, un dos últimos festivais do verán, no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Ademais do seu forte compromiso coa natureza e o coidado do medioambiente, este festival ofrece unha ampla programación na que destacan concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema ao aire libre, actividades infantís e propostas para desfrutar da contorna.

FESTAS DE ZAMÁNS E SAN ANDRÉS DE COMESAÑA – Toda a fin de semana – De balde

O verán é tempo de verbena. A estas alturas, case todos os barrios e parroquias vigueses fixeron públicas as datas e a programación das súas festas maiores. Esta finde comezan as de Zamáns e San Andrés de Comesaña. Preme aquí para acceder á nosa guía con todas as festas deste verán.

FESTA DO MARISCO – Toda a fin de semana no Porto do Berbés – De balde

Tras seis anos de ausencia, a histórica Festa do Marisco de Vigo regresa este 2025. Durante catro días, o público poderá gozar de marisco, viños galegos, música en directo e actividades para todas as idades, nun ambiente acolledor e familiar que honra a alma mariñeira da cidade. O evento contará cunha gran carpa gastronómica, onde se servirán pratos como zamburiñas, nécoras, bogavante, polbo á feira, empanadas ou viños con Denominación de Orixe. Todo a prezos populares e coa calidade que caracteriza ó produto galego. A programación completarase con concertos, grupos folclóricos, obradoiros, xogos populares, contacontos, showcookings e espectáculos itinerantes que encherán o porto de vida e música.

FLASH DAY – Venres de 11:00 a 20:00 h en Rataloka Tattoo Studio – De balde

Rataloka Tattoo Studio, ubicado no número vinte e dous da rúa Camelias, organiza por primeira vez un Flash Day, unha xornada chea de música e bo ambiente, con bebidas e petiscos, sorteos, tatuaxes (entre 50 e 120 €) e piercings (2×1). Durante o evento, estarán as tatuadoras residentes do estudio, xunto a algúns convidados. Haberá numerosos deseños dispoñibles, expostos tanto na fachada do estudio como nos flashbooks, e as tatuaxes realizaranse por orde de chegada. Cada cliente que se tatúe entrará automaticamente nun sorteo doutro tattoo, valorado en 200 €.

EVENTO MASTERCHEF – Venres e sábado no Centro Comercial Gran Vía – De balde

Os días 5 e 6 de setembro, o CC Gran Vía de Vigo convértese nun auténtico estudio coa celebración do evento MasterChef, unha proposta gratuíta e dirixida a todos os públicos que combina cociña, espectáculo e experiencias participativas ao máis puro estilo do exitoso talent show. Ademais, o sábado, Jotha, semifinalista da undécima edición, é o convidado especial e participará en todas as actividades previstas para o día.

MARY OCHER – Venres ás 21:00 h en Radar Estudios – Desde 8,00 €

Despois de sete anos, a cantante de pop experimental rusa Mary Ocher volve a España, actuando por primeira vez en Vigo. Radar Estudios acolle a actuación desta cantante, que visitará outros lugares de España na súa xira Crisis Artist, tras percorrer países como Estados Unidos ou Nova Zelandia. A artista mestura o folk psicodélico, a electrónica atmosférica, letras cargadas de mensaxe, art pop, e outras prácticas performáticas coas que xoga nos seus directos.

CINEMA NO PAZO DE CASTRELOS – Venres e sábado ás 22:00 h no Pazo de Castrelos – De balde

[ACTUALIZACIÓ APRAZADA POR CHUVIA A PROXECCIÓN DO SÁBADO 6] Entre o 22 de agosto e o 6 de setembro, ten lugar Era una vez en una mansión británica, un ciclo de cinema para conmemorar o centenario da doazón do Pazo de Castrelos ao pobo vigués. Seis proxeccións ao aire libre -nos xardíns da parte dianteira do Pazo de Castrelos- arredor da cultura británica e as grandes mansións inglesas, ligadas ás orixes deste espazo histórico. Porén, hai unha excepción: Antes de Nós trata a vida de Castelao, con motivo da conmemoración do ano de Castelao este 2025, polo 75º aniversario da súa defunción. Precisamente, esta fin de semana é a quenda de Misterio en Venecia e Antes de Nós.

PEIXIÑOS MARKET – Sábado de 12:00 a 23:00 h na Alameda de Bouzas – De balde

Desde Peixiños, unha curtametraxe sobre o alzhéimer, organizan Peixiños Market, un mercado de artesanía, ilustración, xoiaría, téxtil, cerámica, crochet e tattoos, entre outros. Este evento terá lugar o sábado 6 de setembro na Alameda de Bouzas, co fin de recadar fondos para a rodaxe da peza audiovisual. Ademais, contará cunha barra, sesións de bingo (con premios) e DJ’s e un sorteo dunha tatuaxe valorada en 120 €.

ARDORA FEST – Sábado ás 18:00 h no Mar de Vigo – Desde 55,00 €

O sábado 6 de setembro, celébrase o Ardora Fest, un pequeno festival que reúne nun mesmo escenario a destacados artistas internacionais e ao talento local da escena techno, ofrecendo unha coidada programación musical nun entorno deseñado para a conexión sensorial. Trátase dun evento que celebra a innovación sonora, o talento emerxente e a cultura electrónica cunha proposta artística de alto nivel.

TANGOMANGO – Sábado ás 19:00 h en A Póla – De balde

Tangomango estrea novo disco e despide o verán cun concerto en A Póla, no Paseo de Alfonso XII. Tangomango é un grupo vigués de soul, funk e psicodelia cun estilo certamente americano, aínda que as súas letras son en castelán. Hai uns meses, presentáronse oficialmente nun concerto na Sala Supersonic, onde tamén deron a coñecer o seu disco debut (Tangomango). Está formado por seis músicos que destacan pola súa ampla traxectoria no panorama musical vigués, algúns membros de outras bandas coñecidas como The Soul Jacket.