The Wild Cinema proxecta dezaseis curtas internacionais ao aire libre

Do 5 ao 7 de setembro, o festival The Wild converterá o Parque Forestal de San Miguel de Oia nun espazo de música, espectáculos e tamén o mellor cinema internacional ao aire libre. A súa sección cinematográfica, The Wild Cinema, regresa cunha programación comprometida coa defensa do medio ambiente.

O festival internacional de cine medioambiental The Wild Cinema volve a Vigo do 5 ao 7 de setembro. Na súa sexta edición proxectará dezaseis traballos de once países, entre curtas e longametraxes. Os filmes poderán desfrutarse nunha gran pantalla led no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia, procurando unha experiencia diferente na que a natureza é escenario e protagonista.

REVENIDAS

O festival propón unha viaxe audiovisual de cinco sesións para todos os públicos que percorren un amplo abano de temáticas: desde o quecemento global e as súas consecuencias, ata o activismo ecolóxico o coidado e goce da natureza ou a práctica de deportes de aventura e montaña.

Entre os títulos máis destacados figuran dúas producións galegas: o documental Testemuñas dunha illa (de Borja Duarte Quintáns, Elian Mercedes Antigua e Guillermo Artero García), que recolle a memoria da Illa de Arousa antes da construción da ponte; e A tarea (de Alfonso O’Donnell), unha inmersión na vida das mariscadoras galegas e no reto que supón o cambio climático para a súa profesión.

Atopamos tamén dúas curtametraxes premiadas no prestixioso festival barcelonés FICMA, o máis antigo do mundo dedicado ao cine ambiental. Greenwash (Costa Rica, 2024, Andrés Bronnimann), un poema visual que denuncia o falso activismo verde con fins comerciais; e The Art of Giving (Indonesia, 2023, Mickael Couturier), que relata unha fermosa historia de solidariedade na illa de Bali.

A mirada internacional complétase con obras como When the Flood Comes (Paquistán, 2023, Nyal Mueenuddin), que percorre 3.000 km ao longo do río Indo para narrar as devastadoras inundacións de 2022; ou The Experiment (Kazajistán, 2024, Maxim Akbarov), que denuncia os efectos dunha planta tóxica instalada nunha comunidade rural. Tamén hai lugar para a experimentación e a poesía audiovisual, con títulos como Marée noire (Canadá, 2024, Chantal Caron), que mistura danza e paisaxe nevadas para falar de especies en perigo de extinción; ou Vole… soulève toi et vole (Colombia / Francia, 2024, Paola Andrea Suesca e Tuchí Ortiz), un documental experimental que utiliza a voz das aves para transmitir coñecemento e poesía.

Ainda que todas as sesións son aptas para familias, os bloques do domingo inclúen propostas específicas para a infancia como La Légende du colibri (Francia, 2025, Morgan Devos), unha fábula emocionante ambientada na Amazonía; A madár gyermekei – Children of the Bird (Hungría, 2024, Julis Tudisco), que convida a imaxinar un universo mitolóxico; ou a distópica Jus d’orange (Francia, 2023, Alexandre Athané), que combina humor e crítica social nunha distopía divertida e inquietante sobre un agricultor de laranxas.

No seu conxunto, a programación de The Wild Cinema convida a reflexionar sobre a emerxencia climática, a responsabilidade individual e colectiva, e o poder do cinema como ferramenta de cambio. Obras como La generación de la regeneración (España, 2024, Saúl González Abejón), centrada no futuro do mundo rural, ofrece mensaxes optimistas e inspiradoras sobre a capacidade de cambio das comunidades.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.