The Melting Lab, unha xoia nas mans

The Melting Lab é un laboratorio creativo onde calquera pode deseñar a súa propia xoia dende cero e sen experiencia previa. Detrás do proxecto está Alicia Martínez, artista e xoieira decidida a democratizar o proceso creativo dunha xoia única.

The Melting Lab é un espazo dedicado á xoiería artesanal e ao deseño, e o seu obxectivo é ofrecer unha experiencia única na que a creatividade e a experimentación sexan accesibles para calquera, a través de talleres e eventos que achegan o mundo da xoiería á comunidade. Este moderno laboratorio de xoiería foi creado pola artista e xoieira Alicia Martínez, que quere achegar ao público unha proposta sinxela, orixinal e transformadora: a de deseñar unha xoia desde cero e sen coñecementos previos grazas a distintas técnicas, como a modelaxe en ceras brandas, a talla en cera ou a cera por goteo (entre outras).

Tras graduarse en Belas Artes, Alicia ampliou a súa formación cun ciclo superior en Xoiería Artística e, aínda que dedicou case unha década ao márketing, á creación de contido e ao deseño gráfico, nunca abandonou o oficio xoieiro, que mantivo como hobby en todo momento. Anos despois, con The Melting Lab creou por fin un espazo creativo en Vigo onde fusiona a súa experiencia na arte e a comunicación coa tradición xoieira.

Neste laboratorio de xoias créanse pezas únicas mediante técnicas como a cera perdida e impártense talleres accesibles para todos os públicos, co obxectivo de achegar a xoiería contemporánea a quen desexa experimentar coas súas propias mans. Nos seus dous meses de vida, Alicia conseguiu que máis de trinta persoas pasen por The Melting Lab para crear a súa propia xoia en cera, levala á casa e lucila sempre. A experiencia en cada taller dura aproximadamente dúas horas e media, e logo Alicia encárgase de fundir as pezas en prata de lei e puílas para entregar a cada participante a súa xoia terminada. Quizais xamais pensaches que poderías ser xoieiro por un día, pero grazas a The Melting Lab das túas mans nacerá unha xoia.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 1992 preto do mar. É filóloga, escritora e correctora literaria, amiga do analóxico, a cultura e a moda vintage. No 2021 foi unha das dez escritoras seleccionadas da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña. No 2025 publicou a súa primeira novela. Poderás atopar a Estela na biblioteca, no cine, no museo, no teatro, nun concerto ou no centro da cidade lendo un libro ao sol.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)