Telmo Comesaña: Unha vida marcada polo silencio

Recuperamos o testemuño de tres vigueses cuxa historia familiar quedou marcada pola represión franquista.

Telmo Comesaña no xardín da súa casa | P. Vázquez

Aínda que só tiña dous anos, 1936 é unha data que Telmo Comesaña non vai esquecer xamais. En outubro dese ano, os corpos sen vida do seu pai, José, do seu tío Antonino, do seu curmán Emilio e dun veciño de Alcabre apareceron en Vincios. Os catro eran directivos da Sociedade de Agricultores e Gandeiros de Alcabre, un sindicato presidido polo pai de Telmo. Antes de seren asasinados, estiveron encerrados durante un tempo no Frontón Vigués, situado na actual rúa de María Berdiales, un lugar polo que pasaron outros moitos represaliados. Curiosamente, Telmo lembra que, de rapaz, ía con frecuencia ao cine Niza, levantado no mesmo lugar onde o seu pai estivera detido polos sublevados. Sen sabelo daquela, ocuparon, en tempos e situacións distintas, un mesmo espazo.

A infancia de Telmo transcorreu nunha «casa triste», gris, onde reinaban o silencio e o loito. Non se falaba do acontecido, só sabía que o seu pai «morrera». Á súa tía Cecilia, embarazada de oito meses, sacárona unha noite, rapáronlle a cabeza e abandonárona no monte por ter o marido fuxido. «Penso moito en como reaccionaron os fillos ao ver chegar a súa nai así. Como sería ese drama? O habitual é falar dos que matan, pero os que quedan non poden falar», conta Telmo, e engade que «a represión contra as mulleres foi terrible».

Co paso do tempo foise interesando máis no tema, pero non foi ata chegar aos 63 anos cando decidiu xubilarse ano e medio antes para dedicar innumerables horas a afondar no pasado da súa familia, da cidade e do país, con profundo escepticismo arredor do relato oficial da guerra, do franquismo e da Transición. Unha das cousas que descubriu foi que o párroco se negou a darlle ao seu pai un certificado de boa conduta que o librase do fusilamento, xa que «non os coñecía porque non ían á misa». «Ese cura casou os meus pais en 1932, bautizoume a min en 1934 e á miña irmá en 1936. Como non nos ía coñecer?», pregúntase Telmo. A finais da década dos sesenta tivo a oportunidade de reprocharlle en persoa ao cura a súa conivencia co asasinato do seu proxenitor.

Telmo Comesaña sostendo un libro na biblioteca da súa casa | P. Vázquez

A súa prodixiosa memoria fai que, pasados os noventa anos, sexa unha auténtica enciclopedia vivente: lembra detalles, anécdotas, bibliografía e frases literais con toda precisión, como cando cita, en castelán e sen titubear, o xeneral Mola: «La acción ha de ser extremadamente violenta para controlar al enemigo, que es fuerte y organizado. Desde luego serán encarcelados todos los directivos de partidos políticos, sociedades y sindicatos no afectos al Movimiento y se darán castigos ejemplares a estos individuos para cortar toda acción de rebeldía. Parlamentar jamás. Esta guerra quiere terminar con los enemigos de España. Tenemos que crear un clima de dominación, eliminando, sin escrúpulo ni vacilación, a todos los que no piensen como nosotros».

REVISTA NOVEMBRO

Telmo é fundador e presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, coa que trata de evitar que se esqueza todo o acontecido na cidade durante a sublevación franquista. Un dos proxectos máis interesantes que levaron a cabo, xunto coa Asemblea Republicana de Vigo, foi o documental Falando de memoria, onde cartografan quince lugares de memoria de Vigo e de parte da súa bisbarra «para alumarmos un tempo histórico que ficou agochado e silenciado premeditadamente durante a longa noite de pedra da ditadura franquista».

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.