Teatro Permanente: un ano creando comunidade a través do xogo escénico

Hai apenas doce meses nacía co Casco Vello Alto un proxecto singular que aspira a consolidarse como unha proposta artística estimulante e diferencial. O Teatro Permanente non é só un espazo de representación e aprendizaxe, senón tamén un punto de encontro arredor das artes escénicas. A súa filosofía é clara: entender a interpretación como un xogo que nos permite desenvolver unha actitude lúdica cara a nosa vida.

Desde a súa apertura, este espazo apostou por borrar as fronteiras tradicionais entre escenario e aula. Aquí os ensaios convértense en representacións, e estas, á súa vez, en obradoiros colectivos. Idiomas como o francés ou o inglés utilizan a mesma palabra para «xogar» e «actuar». Por iso, o xogo é a pedra angular de todo o proceso creativo, entendido non como algo menor ou accesorio, senón como a base mesma da experiencia escénica. Ao xogar, quen participa despréndese das rutinas, asume novas perspectivas e descobre formas diferentes de relacionarse co mundo. Os creadores desta iniciativa, o galego Alberte Alonso e a francesa Lisa Vitorino, defenden que o teatro non só debe ser visto como un produto cultural que consumir de cando en vez, senón como unha práctica necesaria no día a día, tan esencial como ler, conversar ou pasear. Nas súas aulas abertas e nas súas funcións insisten en que a arte escénica é unha ferramenta para vivir mellor, para observar a realidade con ollos renovados e, sobre todo, para tecer lazos de comunidade. O público non é un espectador pasivo: é parte fundamental dun proceso vivo que se constrúe en común.

Ese espírito comunitario reflíctese tamén no seu modelo de financiamento, o Teatro Permanente sostense grazas ás achegas regulares das persoas socias. Cada unha contribúe cunha cota (desde vinte euros anuais), unha sorte de subscrición cultural que garante a continuidade do proxecto e que, ao mesmo tempo, dá acceso ás actividades, aulas e funcións. É un convite a apoiar un espazo artístico, a formar parte del e a atopar sintonía coas súas actividades ao longo do ano.

A programación teatral supón, como mínimo, unha obra de creación propia ao mes, ás que se van engadindo outras propostas escénicas como espectáculos de danza e concertos. Estas obras evolucionan e modifícanse co paso do tempo, o que dá lugar a pezas vivas e ofrece ao espectador a oportunidade de acompañar de preto o proceso creativo. Este modelo, ademais, permite que o Teatro Permanente manteña unha independencia creativa e pedagóxica notable. Ao non depender de programacións alleas nin de esixencias comerciais, pode arriscar, experimentar e, sobre todo, cultivar unha relación sincera co seu público e coas persoas participantes.

Entre as novidades, este ano incorporan unha programación en lingua francesa, con espectáculos e actividades formativas. Tamén ofrecen funcións matinais para centros escolares, para as que crean representacións á medida a partir das temáticas de cada centro. Isto súmase á súa oferta de obradoiros teatrais para todas as idades, que teñen lugar de luns a xoves en horario de tarde.

REVISTA NOVEMBRO

Rúa de Abeleira Menéndez, 7 | 659 188 988 | teatropermanente.com | @teatropermanente

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.