Tamara Andrés: “No mundo da literatura, as mulleres sempre estiveron á marxe, e aínda máis se falamos de poesía”
Tamara Andrés (Combarro, 1992) posiciónase sempre na palabra e a súa medida. Escribe, traduce, ensina, investiga e conta. A comezos de 2015 publicou o libro A mentalista, unha particular homenaxe a René Magritte. Nese mesmo ano gañou o Premio de Poesía O Facho con Nenaespirqes. Posteriormente, textos seus foron premiados con diversos galardóns e publicados en obras colectivas, como en Winee-Rpses (Le Tour 1987) ou na antoloxía No seu despregar (Apiario). É autora, ademais, dos poemarios O corpo de Antiochia, irmá paxaro e de Distancias (xunto a Marcos Viso). Hai pouco vén de tirar do prelo Eu son de aquí e de alá, un libro híbrido no que reconstrúe a Matilde Lloria e os silencios impostos.

Como coñeciches a Matilde Lloria?
A primeira vez que batín co seu nome foi nun texto de Xesús Alonso Montero. Collino para inserilo nun capítulo da miña tese de doutoramento, onde elaboro un percorrido histórico pola poesía de autoría feminina en Galicia tanto no que respecta á creación na lingua propia como á tradución. Redactei ese apartado da tese durante unha estadía en Valencia. Cando me decatei da vinculación que Matilde Lloria tiña con esa cidade (aínda que naceu en Albacete, viviu moitos anos alí), activouse a miña curiosidade e foi entón cando comecei a investigar.
Cando se converteu en obsesión literaria e pensaches en escribir un libro?
Foise convertendo nunha obsesión aos poucos, a medida que me internaba no proceso de investigación e ían aparecendo os silencios e os atrancos. Chamábame moito a atención, por exemplo, que a súa figura se confundise coa doutras poetas, ou que a propia Matilde decidise non contestar nas entrevistas a determinadas preguntas. A idea de escribir un libro xurdiu en parte da necesidade de desentrañar todo ese misterio.
«No mundo da literatura, as mulleres sempre estiveron á marxe, e aínda máis se falamos de poesía, xa de por si un xénero marxinal»
Por que ese silencio arredor da súa figura?
No mundo da literatura, as mulleres sempre estiveron á marxe, e aínda máis se falamos de poesía, xa de por si un xénero marxinal. Hai que ter presente, ademais, que o seu primeiro libro, Camino del cántico, data de 1949. Situámonos, pois, nun tempo e nunha sociedade onde as mulleres non estaba destinadas, nin moito menos, a desenvolver un papel activo e creador. No caso de Matilde Lloria, en particular, engádese o feito de ser unha poeta alófona cuxos poemarios saíron do prelo de imprentas locais polo que apenas gozaron de distribución. Os seus libros quedaron circunscritos, máis ben, ao seu círculo máis inmediato, integrado pola súa familia, as súas amizades e algúns coñecidos.
Eu son de aquí e de alá é o título da túa nova novela, e ten moito que ver coa propia vida de Matilde. Podes explicarnos o seu significado?
Non sei eu se este libro se pode considerar novela. É certo que non é un libro de poesía, pero á vez ten moito que ver con este xénero e tamén co meu labor investigador. Matilde Lloria viviu toda a súa vida entre Valencia e Galicia e participou ao tempo dos dous sistemas literarios, é dicir, inseriu a súa voz poética nas dúas tradicións. Esa bilateralidade forma parte intrínseca da súa identidade, tanto vital como literaria.

Como foi o traballo de documentación? Que fontes orais e documentos impresos consultaches?
Nun primeiro momento establecín contacto cun bo amigo de Matilde que me ofreceu información sobre a etapa na que ela regresou a València, ao final da súa vida, cando ela exerceu como presidenta do Centro Galego da cidade. Do Patronato Carmen Conde-Antonio Oliver extraín cartas remitidas a Carmen Conde por diferentes poetas amigas súas, como Pura Vázquez ou a María de Gracia Ifach. Estes documentos permitíronme coñecer a personalidade de Matilde, mais tamén comprobar como funcionaban as redes literarias da época: entre elas enviábanse libros, procuraban espazos para organizar presentacións ou buscaban espazos para crítica literaria… A biblioteca da Deputación de Ourense foi outra fonte de documentación moi valiosa. Nela custódianse distintos dosieres da poeta e mais a biblioteca e distintos obxectos persoais da familia Lloria.
Foxes da biografía ao uso. Por que decidiches crear un libro fragmentario que, por outro lado, é algo moi en boga?
Non me interesaba tanto facer unha biografía ao uso como procurar unha forma que me permitise, entre outros, comunicar os silencios e interrogantes que se erixen ao redor da súa figura. O exercicio literario consistiu en parte en arredarme como voz de autoridade e canalizar a través de min as voces que fun atopando que me ían ofrecendo información puntual e dispersa. Axiña cheguei á conclusión de que a forma máis honesta para este libro consistía en reunir ese coro de voces a través dalgúns deses fragmentos; isto é, compoñer a identidade de Matilde Lloria a través dun procedemento moi semellante ao collage.
No libro aparecen acompañando a Matilde diversos persoeiros da nosa literatura. En que te baseaches para incluílos? Penso en Xesús Alonso Montero, Vicente Risco ou Pura Vázquez, por exemplo.
En distintas declaracións que fun atopando desas mesmas persoas. Algunhas aparecen máis intervidas e outras menos (moitas delas, por exemplo, estaban en castelán). Todas as voces que aparecen no libro pertencen a persoas que, dun xeito ou outro, estiveron en contacto con Matilde Lloria, e que deixaron testemuños documentais que me axudaron a compoñer a súa biografía e o seu retrato. Vicente Risco axudouna coa aprendizaxe do galego; a través de Pura Vázquez, entrou en contacto con Carmen Conde e con toda a súa rede; Alonso Montero convidouna a participar no congreso de poetas alófonos ao que antes me referín…
«Oxalá este libro sexa o punto de partida dun coñecemento e dun recoñecemento maior da figura de Matilde Lloria»
Leron o libro a familia e coñecidos de Matilde?
Leron, si. Algúns deles mesmo formaron parte do proceso de investigación e creación da obra ). A súa familia, representada sobre todo nas súas sobriñas, está a acompañar moito o libro nesta etapa de promoción e difusión. É curioso, porque desde que se publicou o libro sigo a atopar as persoas que coñeceron a Matilde, que me achegan información nova e que mesmo comparten comigo documentos. Teño a sensación de que o libro forma parte dun proceso maior que excede o interese individual. Oxalá Eu son de aquí e de alá sexa só o punto de partida dun coñecemento e dun recoñecemento maior da figura de Matilde Lloria.

«Interesábame poñer sobre a mesa a idea de que as historias da literatura non deixan de ser relatos artificiosos e sesgados»
Desde onde escribes ti? Cal é a mecha que prende e sobre a que decides que queres escribir unha historia? Supoño que neste caso é diferente o proceso de creación da poesía, non si?
No referente á poesía, escribo a partir de lecturas, ideas soltas, procuras sonoras, imaxes… Este libro, pola contra, forma parte dun traballo de investigación máis amplo que se iniciou cunha vontade de saber e de atopar respostas a certas preguntas. Eu son de aquí e de alá ideouse a partir da vontade de compartir eses interrogantes con outras persoas, de ofrecelas como base para o diálogo. Tamén me interesaba poñer sobre a mesa a idea de que as historias da literatura non deixan de ser relatos artificiosos e sesgados, e de ofrecer ao tempo a posibilidade de intervir.
En que outros proxectos andas a traballar e dos que nos poidas adiantar algo?
O certo é que a docencia e a investigación ocupan gran parte do meu tempo. Nas últimas semanas estou a traballar tamén nos poemarios que sairán en Dombate antes do verán e mais nalgunha tradución. Máis alá diso teño algunhas ideas para desenvolver na escrita, pero polo momento ningún proxecto sólido.
Tensi Gesteira
@lecturafilia



