Talento con acento galego: Luis Zahera e Abraham Cupeiro actúan esta fin de semana en Vigo

Tamén temos concertos de artistas locais como Tony Lomba & Elio dos Santos, Zalomon Grass e Rubia & The Bandits, o festival do Teatro Gorrilla e a primeira edición da feira de fanzines Non teño luces. Para consultar todos os eventos visita a nosa axenda.

O APALPADOR | Venres ás 17:00 h na Sala Rebullón | De balde

Pensada para rapazada maior de 3 anos, vaise representar a obra “O apalpador contra o ladrón de xoguetes”, teatro de monicreques no que o famoso apalpador visita á Rebullón en compañía de todos os seus amigos, cunha nova e divertida aventura. O ladrón Pasmón rouba todo o que pode e agora anda tras dos xoguetes dos nenos e nenas do Courel.

CONCERTO TONY LOMBA & ELIO DOS SANTOS | Venres e sábado ás 22:00 h na Fábrica de Chocolate | Desde 12,00 €

O venres 19 e o sábado 20 a Fábrica de Chocolate vístese de gala para recibir os tradicionais concertos de Nadal de Tony Lomba & Elio dos Santos, dúo local icónico e referente da música lixeira. Como cada ano traen unha canción baixo o brazo: nesta ocasión a nova composición leva por título ‘Flor de pitiminí’, unha sentida balada na que brilla a voz rasgada de Germán Fandiño, máis coñecido como Tony Lomba.

SKA ALL NIGHT | Venres e sábado desde as 23:00 h na Sala Kominsky | Desde 6,00 €

Décimo terceira edición do Ska All Night. Novo formato de dous días con pinchadas na Sala Kominsky con selectores que xa teñen participado noutras edicións e tamén con outros vellos amigos que participarán por primeira vez na festa.

FESTIVAL TEARTO GORRILLA | Sábado e domingo en diversos espazos | Caixa inversa

O Teatro Gorrilla pecha o ano cun festival, levando a danza, teatro, performance e outras actividades coma obradoiro de movemento e dj set a diferentes espazos de Vigo, os próximos 20 e 21 de decembro. O sábado haberá tres actividades no CS A Nubeira, Maraca e La Fábrica de Chocolate, e o domingo a partir das 18:00 h en diversos locais de Churruca.

MUTAR | Sábado e domingo na rúa Marqués de Valladares, 17 | De balde

MUTAR é un novo evento artístico que se celebra na rúa Marqués de Valladares, 17 os días 20 e 21 de decembro. Haberá postos de artistas e marcas creativas, DJ sessions, recitais, performances e barra con comida e bebida, todo baixo o lema “Todo pode mutar cando é arte”.

MAGO INVISIBLE | Sábado ás 19:00 e domingo ás 12:30 h no Mar de Vigo | Desde 28,00 €

Teletransportacións, desaparicións, mentalismo, ilusións con obxectos do público… son algunhas das cousas que poderás ver neste espectáculo de maxia no que se borrará a fina liña que separa a realidade da imaxinación e que che fará replantexar a idea de que todo é posible. Tamén poderás ver maxia interactiva creada para que calquera espectador ou espectadora participe no espectáculo, xa sexa a distancia, dende o seu asento ou en primeira persoa.

MONÓLOGO LUIS ZAHERA: CHUNGO | Sábado ás 19:30 e 22:00 h no Teatro Salesianos | Desde 25,00 €

Chungo é un espectáculo de humor cheo de historias e vivencias persoais que rozan o surrealismo, no que este grandísimo actor amosa a súa vis cómica. Dende a súa máis tenra infancia ata os seus inicios na televisión e no cine nacional.

CONCERTO ABRAHAM CUPEIRO | Sábado e domingo no Teatro García Barbón | Desde 18,00 €

O multiinstrumentista e luthier lucense Abraham Cupeiro regresa a Vigo cunha triple función para presentar o seu último traballo, Loira. Nas súas palabras “pezas que pasan da euforia ao recollemento, cancións que son unha escolma de temas perdidos nun caixón”.

CONCERTO ZALOMON GRASS + RUBIA & THE BANDITS | Sábado ás 21:00 na Sala Masterclub | Desde 16,00 €

Tras un 2025 de estrada, festivais, salas suadas e quilómetros de electricidade percorridos presentando Trouble in Time, o grupo regresa á casa coas válvulas quentes e o pulso no seu punto xusto. Foi un ano intenso, de consolidación e metamorfose. Porque entre viaxe e viaxe, Zålomon Grass comezaron a trazar os primeiros planos do que será o seu terceiro disco, un novo ciclo creativo que xa comeza a tomar forma no estudio. Tamén será a presentación da banda Rubia & The Bandits.

FEIRA FANZINE NON TEÑO LUCES | Domingo ás 18:30 h no Café Uf | De balde

REVISTA NADAL

“Non teño luces” é unha feira de fanzines que nace da búsqueda dun espazo de tranquilidade dentro da voráxine da tolemia do nadal vigués que xa nos está a afogar. Un espazo de reflexión e intercambio artístico a través do fanzine. Case unha vintena de artistas colaboran para expoñer as súas historietas ilustradas no Café UF.