SurfMarket, a comunidade surfista online con boa onda
O que naceu como unha web de compravenda de material de segunda man para surfistas hai 12 anos é na actualidade unha das máis grandes comunidades en liña do Estado, superando a barreira dos 25.000 usuarios rexistrados. Tras esta fazaña está o vigués Kiko Campos, apaixonado polas ondas desde 1992 e bo coñecedor das praias de medio mundo.
Surfmarket. org nace en novembro do 2010 como un servizo gratuíto para toda a comunidade surfista onde facilitar o intercambio e a venda de material deportivo entre particulares. A súa orixe está en Surf GZ (surfgz.com), un xornal de noticias sobre surf e praias galegas nado en 2008. Visto o éxito do mercado, continuou con isto da compravenda de material en Surfmarket (surfmarket.org), onde non só se limitaba a terras galegas. Cos anos foi aumentando o seu contido, e na actualidade é un sitio web que ofrece a nivel europeo todo tipo de produtos e información para calquera persoa que guste de deslizarse por auga, neve ou asfalto.
A diferenza doutras grandes tendas en liña, Surfmarket é un portal que vai máis aló da simple actividade comercial: primeira e segunda man, outlet, directorio de ondas, guía de surf a nivel mundial, noticias, vídeos… “É como un edificio: no primeiro andar tes o directorio de ondas, no segundo a tenda, na terceiro noticias, no cuarto vídeos… Somos unha comunidade online”, explica Kiko. Outro dos produtos que goza de moito éxito na páxina son as furgonetas camper, tan habituais no mundo do surf. “O último ano tivemos case tres millóns de visitas”, ilustra Campos co fin de explicar o alcance do seu proxecto.
Entre as máis de 7.500 referencias que atopamos no dominio, Campos oferta a súa propia marca de táboas e accesorios, Honey Surfboards (honeysurfboards.com), que con oito anos de vida xa se considera na comunidade surfeira como unha das mellores marcas no tocante á relación calidade-prezo. O proxecto arrincou en 2014 en Fuerteventura, onde vivía daquelas, para despois trasladarse a Madrid e finalmente a Vigo. A súa oferta cubre todo tipo de ondas e niveis, ademais de accesorios como ponchos ou grips. “Traballamos con case todos os distribuidores europeos, polo que puxemos a Vigo no mapa do mundo do surf“, asegura Campos.
O empresario leva desde os 17 anos sobre unha táboa, coa que percorreu as praias de medio mundo. Sobre onde para practicar este deporte pola nosa zona, Kiko considera que estamos nunha localización privilexiada, pois nun radio de hora e media en coche temos as costas de Nigrán, O Barbanza, o norte de Portugal ou as locais de Samil ou do Vao. Un sitio de boa onda.
Surfmarket.org | 670 46 63 14 | Facebook: @SurfMarket.org | Instagram: @surfmarket
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024