Sublime Summit sitúa Baiona no mapa do turismo premium
Baiona será a sede os días 21 e 22 de abril de Sublime Summit, un foro-boutique internacional centrado no turismo singular que se celebrará no Faro Silleiro. O encontro reunirá a profesionais e empresas do sector co obxectivo de analizar tendencias e compartir experiencias arredor do turismo de alto valor engadido.

O evento Sublime Summit, que se celebra a próxima semana en Faro silleiro, forma parte dunha estratexia a tres anos orientada a reforzar o posicionamento de Galicia como destino turístico combionando patrimonio, gastronomía, cultura e sustentabilidade, cunha oferta dirixida a un público que busca experiencias diferenciadas.
Entre os participantes confirmados figuran Joanes Mathiuet, director xeral de Basque Luxury; Ana Alonso, conselleira delegada de Spain is Excellence (SIE); Joanes Andueza, responsable de experiencia de cliente en Arantza Hotela; e Carlos Díez de la Lastra, conselleiro delegado de Les Roches Global. Durante o foro presentarán casos de éxito desenvolvidos en territorios como Euskadi e Marbella.




O programa inclúe tamén mesas de debate con profesionais galegos do sector, nas que se abordará a adaptación do ecosistema turístico da comunidade ás novas demandas do mercado, especialmente no ámbito da sustentabilidade e da personalización da experiencia. Tasmén contará coa presenza de axencias de viaxes especializadas, medios de comunicación e creadores de contido procedentes de distintos puntos da península. Estes participantes tomarán parte nun programa de actividades paralelas que lles permitirá coñecer a contorna a través de experiencias organizadas durante as xornadas.
O obxectivo do foro é reivindicar na nosa comunidade a “artesanía da experiencia”, un tipo de viaxe que atrae a visitantes que buscan alto valor engadido e sostenibilidade. A organización sinala que o foro pretende servir como plataforma de visibilidade para proxectos turísticos que apostan pola excelencia en Galicia, así como favorecer a conexión entre profesionais e a proxección exterior do destino


