Su Garrido: “A confianza das Residencias Mariñán nas artistas é un acto de dignidade pouco común”
Situado nunha paraxe privilexiada á beira da ría de Betanzos, o Pazo de Mariñán transformouse nos últimos anos nun foco de creación grazas ás residencias artísticas postas en marcha pola Deputación da Coruña. Este programa ofrece a músicos e escritores non só un espazo de traballo afastado das urxencias cotiás, senón tamén unha oportunidade real de desenvolvemento profesional a través de financiamento, estadía e mentorías especializadas.

Neste marco desenvolveuse Traspielas, o novo proxecto da viguesa Su Garrido, quen recupera gravacións realizadas hai máis dunha década na súa aldea natal, Traspielas, para construír unha proposta que combina memoria oral e linguaxes contemporáneas. O resultado é un traballo que se afasta de enfoques folcloristas e propón unha revisión da tradición desde o presente, tanto a nivel sonoro como conceptual. Falamos en detalle sobre o proxecto nesta reportaxe na que participan Su e as veciñas da parroquia de Fornelos de Montes.
Sobre o escenario, Garrido está acompañada por Macarena Montesinos (violoncello), Iago Ramilo (saxo barítono), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodríguez Casal (visuais)., quen tamén asistiron á Residencia Mariñán. A próxima oportunidade de velo en directo é na Sala Ártika, o venres 10 de abril. Esta primavera tamén estarán en Santiago de Compostela (29 de maio, Teatro Principal), A Pobra do Caramiñal (19 de xuño) e Carballo (21 de xuño).
A orixe do proxecto Traspielas remóntase a hai máis dunha década. Como naceu a idea de converter a memoria da túa aldea nunha proposta artística profesional?
Todo xurdiu hai uns once anos a raíz dun traballo artístico de serigrafía na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Naquel momento, decidín gravar a unhas vinte mulleres da miña aldea cantando. Serigrafei os CD con motivos de plantas da zona e esas voces quedaron aí gardadas. Tiña o proxecto en mente, pero a realidade da profesión artística é dura: a vida despois obrígate a producir e facturar constantemente, e nunca atopas o espazo nin o financiamento para partir de cero cunha creación nova que require tanta delicadeza. As Residencias Mariñán foron a oportunidade de recuperar ese material e darlle a vida que merecía.

Moitas veces fálase de recuperación da tradición como algo estático, pero ti falas dun “ciclo de vida”. Que querías contar exactamente con estas cancións?
Para min era fundamental que non fosen cancións illadas. O relato estrutúrase arredor do ciclo da vida e do ano nunha aldea; fala do noso pasado, do noso presente e do que seremos. É unha viaxe por unha vida comunitaria que hoxe vemos con outros ollos. Non quería facer algo nostálxico no sentido de “pasado”, senón ver como nós, que xa non somos os mesmos e moitas veces xa non vivimos alí todo o ano, entendemos esa herdanza dende a contemporaneidade.
Traspielas estrutúrase arredor do ciclo da vida e do ano nunha aldea. É unha viaxe por unha vida comunitaria que hoxe vemos con outros ollos.
Sentes unha responsabilidade especial ao tratar un material que pertence á memoria colectiva das mulleres da túa aldea?
Máis que responsabilidade, sinto moita emoción e síntome unha privilexiada. Estas cancións non as recollín eu de xeito externo; elas cantáronmas a min, eu son parte desa música. Sinto que teño o deber de que se valoren, de celebrar a sorte que temos coa nosa tradición oral e de que esas voces non queden sen cantarse.

A formación musical que presentades (violoncello, saxo barítono, electrónica e voz) fuxe do que agardamos dun proxecto de raíz. Por que esta aposta?
Buscaba fuxir totalmente da instrumentación tradicional e quería que todos os músicos estivésemos ao mesmo nivel horizontal no escenario, sen que predominase a voz. Na vida comunitaria todos somos fundamentais e necesítamonos, e iso é o que quería reflectir no escenario. Non quería unha voz protagonista que fose acompañada por músicos; quería unha textura contrapuntística onde todas as voces se mesturan e son absolutamente necesarias. Por iso estamos todos sentados á mesma altura no escenario, incluído Fran Rodríguez Casal, que se encarga de que a linguaxe visual sexa unha parte máise non un simple adorno.
Como é o traballo con Fran Rodríguez Casal para que o cine e a fotografía dialoguen coa música sen restarlle protagonismo?
Fran é un cineasta e fotógrafo marabilloso do que son admiradora. El encárgase de traducir todo ese universo de memoria e de nova creación á linguaxe visual. Recopilou vídeos antigos e tamén creou imaxes novas para que a proposta sexa algo integral. Ao estar el tamén no escenario coas visuais, reforzamos esa idea de que todos nos necesitamos para que o espectáculo teña sentido.

Que che permitiu Mariñán que non tería sido posible sen ese apoio?
A liberación das obrigas diarias é determinante ao cen por cento. A maioría das persoas vivimos facendo mil cousas, poñendo lavadoras e correndo co día a día, o que deixa pouco espazo para a creación. De repente, estar seis días aloxada nun pazo, sen ter que pensar en facer a compra ou recoller ao fillo, libera unha cantidade de enerxía mental incrible. A velocidade á que creas nese estado de concentración total é outra. Nunca vivira nada así, e permíteche avanzar nunha semana o que fóra che levaría meses.
Estar seis días aloxada nun pazo, sen ter que pensar en facer a compra ou atender ao fillo, libera unha cantidade de enerxía mental incrible.
Sendo unha axuda pública que provén dunha institución, que tipo de requisitos ou de resultados vos pediron sobre o voso traballo durante a estadía?
No noso caso foi unha experiencia de liberdade absoluta. O máis rechamante, e algo que me parece fundamental, é que a residencia non pide un produto rematado cando acabas nin esixe uns resultados cuantificables inmediatos. Mariñán confía nos creadores e iso non é nada común na xestión cultural. Entenden que unha residencia é un lugar onde xurden sementes e que non todo é necesariamente xustificable ou monetizable ao instante. Para min, esa confianza é un acto de dignidade artística moi pouco común que se agradece moito
Entenden que unha residencia é un lugar onde xurden sementes e que non todo é necesariamente xustificable ou monetizable ao instante.
Tamén vos ofreceron o apoio de mentorías especializadas. Que vos aportou o asesoramento externo nesa fase inicial?
As asesorías son moi valiosas porque á cada artista a que pide o que lle gustaría, polo que se adaptan ás necesidades reais. Aitana Cuétara, como comisaria das artistas musicais, é clave nisto porque sabe detectar que lle falta a cada proxecto para medrar. No noso caso, pedimos traballar con Xulia Feixóo, que é etnomusicóloga e psicóloga. Para nós era vital entender a historia e o funcionamento das cantigas que eu recollera, porque a música é parte da vida e queriamos respectar ese contexto antropolóxico. Tamén tivemos acceso a consellos sobre imaxe, vestiario, iluminación e redes sociais.
Ao abrir a convocatoria a artistas de toda Galicia, a Deputación da Coruña está axudando a crear país de verdade
Que valor lle dás ao feito de que sexa unha residencia aberta a toda Galicia, malia ser unha iniciativa provincial?
Paréceme un dos puntos máis intelixentes do programa. Ao abrir a convocatoria a artistas de toda Galicia, a Deputación da Coruña está axudando a crear país de verdade, fuxindo de nichos ou de límites territoriais que non teñen sentido na arte. É unha aposta por unha base cultural galega tremenda. Oxalá todas as administracións tomasen nota de que tratar aos artistas con dignidade e confianza é o mellor investimento posible.
Coa colaboración de:

Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- The Wild suspende a edición 2026 e denuncia abandono institucional - 17 Abril, 2026
- Trilitrate, Los Pontiaks e French Riviera actuarán gratis en Play-Doc - 17 Abril, 2026
- Marina Carpente (Abril): “Mariñán permitiunos profesionalizar e pagar dignamente ao equipo” - 15 Abril, 2026
- Vigo homenaxea a Domingo Villar polo Día do Libro - 13 Abril, 2026
- La Luthería, un novo espazo para apreciar de cerca a artesanía musical - 10 Abril, 2026

