SonRías Baixas, Jason Derulo, La Traviata e moita festa esta fin de semana en Vigo
Esta fin de semana vén cargada de plans e eventos. Ademais de festas patronais e a celebración da Noite Branca, esta fin de semana, Vigo está cheo de actuacións musicais en directo. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana na cidade, entra na axenda d’A Movida.

FESTIVAL SONRÍAS BAIXAS – Desde o xoves a partir das 17:00 h en As Lagoas (Bueu) – Desde 38,90 €
Entre o 31 de xullo e o 3 de agosto, celébrase o festival SonRías Baixas en As Lagoas (Bueu). O cartel desta edición destaca pola súa diversidade, con artistas galegos e nacionais de renome como Judeline, Carolina Durante, Dani Fernández, Nena Daconte, Sen Senra, The Rapants ou Baiuca, que consolida o evento como unha das citas musicais máis destacadas do verán galego. Ademais, a proximidade á praia, a zona de acampada e a oferta gastronómica (con opcións vexetarianas, veganas e sen glute) son algúns dos puntos fortes do festival.
BLACKSTEREO + DJ GUGY + DJ ROB – Xoves ás 23:00 h no Templario Lounge Bar – De balde
O Palacio de la Oliva organiza un concerto de BlackStereo no Templario Lounge Bar. BlackStereo é unha banda viguesa de música negra que se caracteriza por ofrecer o seu clásico “60% Disco-Funk, 40% Soul”. Durante a actuación, interpretará clásicos da música afroamericana, acompañada polo DJ residente Gugy e o DJ convidado Roberto Carril.
NADIE GONZÁLEZ – Venres ás 21:00 h en Villa Solita – De balde
Nos meses de xullo e agosto, regresa Curiosidades Solita, un proxecto cultural onde a música é a protagonista, que se desenvolve todos os venres ás 21:00 h. Esta proposta ten lugar en Villa Solita, nun enclave rehabilitado polo Concello de Vigo para recuperar unha parte do patrimonio e historia da cidade, convertíndoo nun espazo de encontro de actividades culturais e artísticas. A programación da VI edición caracterízase, na mesma liña de anos anteriores, pola intervención de grupos novos ou artistas con referencias musicais pouco comúns e/ou diferenciadoras. Mestura música urbana, a través do rap e hip-hop, con metal, soul, funk e cancións de autor máis íntimas. O obxectivo é mostrarlle ao público un grupo de artistas de diferentes xeracións e estilos, pero que teñen no seu ADN unha proposta musical que reflicte as súas experiencias e inquedanzas. Nesta ocasión, é a quenda de Nadie González, rapeira, ás veces produtora, e case sempre autodidacta. Esta viguesa de Candeán comezou a súa andaina no mundo da música e o hip hop en 2018, acompañada de lu.ko.ala como DJ e con nahgga nos coros, en 2021.
MÚSICA NO CLAUSTRO – Desde o venres ás 21:00 h na Catedral de Tui – De balde
Entre o 1 e o 7 de agosto, celébrase a décimo novena edición do festival Música no Claustro na Catedral de Tui. No mesmo, haberá actuacións musicais en directo, conversas e un foro profesional. Concretamente, o festival conta con sete concertos gratuítos, sen reserva previa. Comeza o venres, co do caboverdiano Mário Lúcio, músico e compositor de gran recoñecemento na lusofonía e autor dunha extensa discografía, así como libros de poesía, narrativa e obras teatrais. Foi Ministro de Cultura de Cabo Verde dende 2011 a 2016 e entre os seus libros destaca o seu ensaio Manifesto a Crioulización no que defende o “xurdimento incesante de novas identidades”. Este libro será o tema central da conversa que o xornalista tudense José Font manterá con Mário Lúcio ao día seguinte.
LA TRAVIATA – Venres ás 22:00 h en Castrelos – De balde
La Traviata, ópera de Giuseppe Verdi, é un dos concertos que forman parte da programación de Vigo en Festas este ano. Desde o Concello, volven apostar por este xénero que o verán pasado tivo moi boa aceptación, congregando a 12.000 persoas no auditorio da finca da marquesa. La Traviata, baseada no libro de Alejandro Dumas La dama de las camelias, foi estreada en 1853 no teatro La Fenice de Venecia. Xunto con Rigoletto e El trovador, forma a triloxía popular operística composta por Verdi a mediados da súa carreira. A obra está dividida en tres actos e ten unha duración de 120 minutos. En Castrelos, representarase sen pausa.
TEKILAS – Sábado ás 00:00 h na Sala Doppler – 5,00 €
Durante a madrugada do venres para o sábado, o artista mexicano Tekilas da un concerto na Sala Doppler. No mesmo, presenta en directo o seu novo álbum, CAPSAICINA. Ademais, tamén interpreta algúns temas máis antigos, acompañado polos DJ sets de Vaira, Elegnelo, Wabii e Yung Denzo.
NOITE BRANCA – Desde o sábado ás 20:00 h nos principais museos vigueses – De balde
O sábado 2 de agosto, entre as 20:00 e 01:00 h, celébrase a Noite Branca nos principais museos vigueses, unha xornada na que os mesmos amplían o seu horario de apertura e acollen máis de trinta actividades diferentes. Concretamente, participan Quiñones de León, Pinacoteca Fernández del Riego, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura, Verbum, Museo Liste, MARCO, Sede Afundación e Museo do Mar.
CHARAMUSCAS – Sábado ás 21:00 h na Porta do Sol – De balde
Durante as Festas do Cristo da Victoria, a Banda de Gaitas Charamuscas do Centro Cultural Helios de Bembrive ofrece un concerto na Porta do Sol. A banda naceu no ano 1985, grazas ao traballo de D. Eugenio Rodríguez Freiría, quen formou tamén o Grupo Folclórico de Santiago de Bembrive anos antes.
FESTAS D’A GUÍA, MATAMÁ E CORUXO – Desde o domingo – De balde
O verán é tempo de verbena. A estas alturas, case todos os barrios e parroquias vigueses fixeron públicas as datas e a programación das súas festas maiores. Esta fin de semana, comezan as d’A Guía, Matamá e Coruxo. Preme aquí para acceder ao noso mapa con todas as festas deste verán.
JASON DERULO – Domingo ás 23:00 h en Castrelos – De balde
Jason Derulo é un dos artistas internacionais que forman parte da programación de Vigo en Festas este ano, xunto a Gente de Zona, Trueno e The Black Keys. O músico e actor norteamericano, de ascendencia haitiana, é unha das figuras destacadas do trap latino e o reggaeton, con éxitos importantes a nivel mundial como Colors, un dos himnos do Mundial de Fútbol do 2018. O músico deterá en Vigo a xira titulada Be the First to Hear About. A traxectoria de Jason Derulo está balizada de grandes éxitos desde que se deu a coñecer coa canción Whatcha Say, que chegou ao número uno no Billboard Hot 100. O seu primeiro álbum tamén logrou situarse entre os dez primeiros de Gran Bretaña. O seu éxito máis recente foi Mamacita, coa que obtivo unha gran resposta do público en todo o mundo.

