REVISTA ABRIL

SonRías Baixas arranca o martes con seis noites de concertos

O festival SonRías Baixas adáptase as circunstancias sanitarias e transforma o evento nun ciclo de concertos desde o martes día 3 ao domingo 8 de agosto. Será a única actuación en Galicia de artistas como Kase. O, La Pegatina, Travis Birds, Muerdo ou Tu Otra Bonita este verán.

REVISTA ABRIL
Presentación do SonRías Baixas en Bueu | Trece Amarillo

A partir do martes Bueu acollerá seis noites de música ao vivo co retorno do SonRías Baixas, que este ano se adapta ao contexto sociosanitario cun ciclo de concertos, no que poderemos ver a Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa.

Berta Dominguez e Jordi Lauren, tándem que dirixe o evento, presentaron esta mañá a proposta, que conta co apoio e patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa Fest Galicia Xacobeo 21-22, da Deputación de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e do Concello de Bueu. No acto, celebrado no porto bueués, a dirección do SonRías Baixas explicou que o Recinto Multiusos da Estacada, sede habitual do festival, estará sectorizado, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados. Tal e como expuxo Jordi Lauren esta mañá, o espazo contará con tres zonas diferenciadas, en función do prezo da entradas (29, 26 ou 23 euros, as máis caras estarán máis preto do escenario); e cada unha delas estará dividida en sectores que contarán con servizos (aseos, barra, zona de recarga e punto de merchandising). Estes equipamentos independentes terán unha capacidade, como máximo, de 500 persoas.   

Ademais, coa intención de evitar concentracións puntuais e innecesarias, SonRías Baixas ofertará este 2021 un sistema de pago cashless, coa posibilidade de recarga tanto desde os dispositivos móbiles como duns innovadores tótems que estarán distribuídos polo recinto. A este respecto, SonRías organizará durante a súa celebración unha actividade específica para promotores de eventos, coa finalidade de dar a coñecer este sistema.

Os concertos do venres 6 (Kase.O e SonDaRúa) e sábado 7 (La M.O.D.A e Sabela) xa esgotraon as entradas, para o resto de concertos aínda hai localidades dispoñibles que se poden adquirir a través da web do festival. Cada noite estará composta por dous concertos , o primeiro dará comezo contra ás 21:00h e o segundo, en función do día, entre as 22:15 e as 22:30 horas.