SonDeSeu: a primeira orquestra folk de Galicia celebra o seu 25º aniversario

A orquestra folk SonDeSeu celebra este mes de maio un fito histórico: o seu XXV aniversario. O que comezou no ano 2001 como un proxecto funcional dentro do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo (actual ETRAD), hoxe é unha formación de referencia que logrou esgotar todas as entradas para o seu concerto conmemorativo o 9 de maio no Auditorio Mar de Vigo en apenas semana e media.

A semente de SonDeSeu plantouse cando Anxo Pintos, mestre de zanfona, xunto a Rodrigo Romaní e Xaquín Xesteira, viron o potencial de crear unha formación que non existía no panorama folk galego: unha orquestra sinfónica baseada nos instrumentos tradicionais. “Entendiamos que había potencial para unha formación que buscase esa idea sinfónica de orquestra cos instrumentos dos que impartiamos a súa especialidade na escola”, explica Pintos sobre os inicios no 2001. O seu primeiro disco, curiosamente, levaba por título Mar de Vigo, o mesmo nome do escenario onde celebrarán este cuarto de século de vida.

O éxito de SonDeSeu non se entende sen a Escola de Música Tradicional de Vigo (ETRAD). Na actualidade, a orquestra conta con arredor de 60 músicos, dos cales un 95% son alumnos dos cursos máis avanzados desta escola. Para Anxo Pintos, a orquestra é fundamentalmente “unha ferramenta escénica que lles permite aos alumnos acabar de formarse para formar parte do mundo profesional”.

Sección de zanfonas de SonDeSeu | U. Soliño

Este modelo educativo, que se define como un centro de ensino non regrado, está hoxe recoñecido e acreditado en diversos ámbitos pola súa alta calidade. De feito, Pintos salienta que grazas á aposta municipal, Vigo conta probablemente co maior orzamento para este tipo de escolas de música tradicional en todo o Estado, o que permite soster este “pequeno milagre” que é a orquestra.

O concerto do vindeiro 9 de maio non será só un repaso á súa traxectoria, senón unha homenaxe ao respecto que a cultura musical do país ten por esta formación singular. O escenario do Mar de Vigo acollerá a máis de cincuenta músicos acompañados de convidados de luxo como Abraham Cupeiro, Xabier Díaz, Tanxugueiras e Rodrigo Romaní. “É un dos mellores agasallos que podemos ter como formación”, confesa Pintos, quen destaca tamén a responsabilidade que senten ante o cariño da cidadanía, que respondeu masivamente á chamada.

Anxo Pintos, con carteis de concertos de SonDeSeu de fondo | P. Vázquez

Malia que sempre existen novas metas, como a creación dun festival de músicas patrimoniais ou unha maior presenza en circuítos profesionais, desde a formación queren poñer en valor o papel do Concello de Vigo. A administración local é quen fornece o orzamento da ETRAD e mantén unha achega anual que, neste caso, cobre o 30% dos custos do concerto do aniversario. Segundo Anxo Pintos, lonxe de buscar a crítica, a intención da orquestra é seguir facendo “pedagoxía” coas administracións para medrar xuntos. “Estamos contentos en xeral… o orzamento da escola é importante e sabemos que o Concello sostén a SonDeSeu a través dela“, conclúe o músico, subliñando o bo nivel de interlocución actual coas concellerías de Cultura e Educación.

FAITE AMOVIDALOVER

O vindeiro 17 de maio, xa completada esa gran noite no Mar de Vigo, SonDeSeu desprazarase a Bugallido, no concello coruñés de Ames, para actuar de balde no campo da festa nun concerto que forma parte do programa Escena ao vivo da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Segundo Pintos, este tipo de iniciativas permiten levar a artistas ou agrupacións con cachés algo máis elevados a concellos con partidas culturais limitadas. Outros artistas vigueses que participan neste programa son Miguel Costas, Broken Peach, Cé Orquestra Pantasma, Vimbio, Francisco Castro ou Acordeireta.

Programación completa en redecultural.gal

Coa colaboración de:

The following two tabs change content below.