Sol e música local: novidades musicais viguesas para desfrutar do verán
“Rock rock rock en Samil”, cantaban hai décadas Siniestro Total. En Samil, no Vao ou para escoitar en calquera outro lugar, aquí tes algunhas das novidades musicais viguesas dos últimos dous meses.

MARTA VIDAL
Tras alcanzar o obxectivo do crowdfunding, proximamente teremos noticias do primeiro disco en solitario de marta vidal (en minúsucula), quen foi líder da banda Tinta. Polo momento podemos escoitar ‘supertramp 2009’, o primeiro adianto do disco.
ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS
A banda local Eladio y los Seres Queridos, liderada por Eladio Santos, fai neste 2025 vinte anos de carreira e conmemórao co disco B.S.O. 2005 – 2025, no que reinterpretan dezaseis temas da súa discografía acompañados por artistas como Amaral, Depedro, Fillas de Cassandra, Pucho de Vetusta Morla ou Vega. En outubro actuarán no Teatro García Barbón.
PABLO LESUIT
Pablo Lesuit lanza ‘No es igual’ xunto a Sir Hope e Adrie, unha canción construída sobre un riff memorable, guitarras nerviosas e arranxos de metais nostálxicos.
PABLO CERVIÑO
A finais de xuño o cantautor vigués Pablo Cerviño publicou o seu primeiro EP.
LONTRAS
A terrible historia de Afonso Amoedo é un conto, unha fábula psicodélica, na que o combo galego que lidera Juan Arca estende un ramallete de influencias o suficientemente polifónico e poliédrico como para situalos nun espazo absolutamente autóctono: onde a canción brasileira e portuguesa conecta co indie-folk e a psicodelia dos anos 60 e 70, pero tamén co pop alternativo máis avanzado.
LUCIFÉRNAGA
Mala Bësta é o primeiro traballo do grupo vigués de doom metal Luciférnaga. Cunha paleta sonora que oscila entre a pesadez monolítica e as melodías hipnóticas e melancólicas, o álbum tece un rico tapiz de desesperación e introspección.
VIMBIO ft. NADIE GONZÁLEZ
Mesturando o rap co reggaeton e o metal, Vimbio e Nadie González sorprenden cun tema que transita polas distintas fases dunha troula que se descontrola.
FILLAS DE CASSANDRA
O dúo vigués colabora neste tema con Çantamarta, un trío formado formado por LuisLo (Colombia-Venezuela), Benito (Granada) e Omar (Córdoba) combina de maneira moi elegante xéneros como o Hip-Hop, a electrónica, e o R&B coa influencia de elementos culturais e musicais do Caribe latinoamericano.
FRENCH RIVIERA
O saxofonista e teclista vigués David Fermoselle publica o seu segundo disco baixo o hetrónimo French Riviera, Caliente!, especialista en música electrónica e disco de aires oitenteiros.
DANI DICOSTAS
A finais de xuño vía a luz un novo adianto do último traballo da viguesa dani dicostas, ‘Desde otro lugar’ (con mención á praia do Vao incluída).
SUN IOU
‘Quero’ é o novo sinxelo de Sun Iou, definido pola propia banda como “un tema que berra desde o fondo: desexo, identidade, liberación. Gravado desde o corazón da tradición e a furia do presente, ‘Quero’ é un ritual sonoro de resistencia, beleza e loita colectiva”.
TB DUDE
Adianto do disco VAMPILUV JANYULILA de TB Dude, en memoria de Alma Pegamoide.
CASTILLO
‘I would like to know’ é o último tema do vigués Luis del Castillo, onde recupera as sonoridades máis blues rock con aroma garageiro, moi na liña de The Black Keys.
A finais de xuño publicouse PO2054AZ, unha obra de dúas horas de duración que recompila os tres últimos discos de Sen Senra. ‘La belleza’ é un dos sinxelos da terceira parte deste ambicioso proxecto do músico nado en Forcarei e criado en Vigo.
ABRIL
‘Rosas de Barcial’ é unha peza da tradición castelá que fala do amor e das nosas raíces nesas terras. Abril, ademais de ser un nome que evoca a frescura e as cores que florecen neste mes, tamén é a súa conexión con Castilla: “Barcial de la Loma”, unha pequena aldea de Valladolid, é o lugar onde medrou a familia Abril.
MALVARES
O poeta e MC galego Malvares presenta o seu novo single “Vigo State of Mind”, unha declaración de principios e identidade feita desde o corazón da cidade olívica. Con produción de Frank Huxley e Mowmentss E scratches de DJ Pol, Malvares regresa co seu estilo directo, afiado e sen concesións.
BROKEN PEACH
Novo mashup da banda máis viral de Vigo. Nesta ocasión mesturan os temas ‘That’s the way (I Like It)’, ‘Shake your Booty’ e ‘Video Killed the Radio Star’.
LAW
LAW, artista multidisciplinar do barrio de Coia, lanza unha cumbia reggae en galego xunto ao produtor Rotce. A artista descríbea como “unha canción que celebra o amor máis intenso, pero tamén fala das sombras que o acompañan. É música con sabor a verán para bailar cun nó no peito”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026
- O Vigo de Miguel Costas - 29 Xuño, 2026
- A Asociación As da Industria despídese da organización de eventos por mor das “trabas burocráticas do Concello de Vigo” - 29 Xuño, 2026
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026




