Skeirrum: a cidade en xogo

Dúas guardenses están detrás de Skeirrum que contradice o que é un escape room, porque é un xogo ao aire libre. A través da súa web, e coa opción de xogar en equipo ou individualmente, o smartphone convértese na consola que xeolocaliza e guía aos xogadores polas rúas. A dinámica é resolver enigmas ao tempo que aprendemos datos históricos e curiosos da cidade.

Imaxina que as rúas de Vigo se converten no escenario dun videoxogo. Avanzas pola cidade e, ao chegares ás Avenidas ou á Porta do Sol, a consola vibra e desbloquéase unha proba dispoñible que debes resolver antes de seguir desprazándote polo mapa. Skeirrum, a empresa das guardesas Cintia Lomba e Erea Rodríguez, fai exactamente iso: transforma as cidades en xogos interactivos ao aire libre que se levan a cabo desde o móbil.

Cintia Lomba e Erea Rodríguez

Cada ruta combina entretemento, historia e cultura a través de desafíos xeolocalizados que se activan no espazo real. Na nosa cidade temos dispoñible o percorrido Vigo, Rincones e Historias, unha experiencia autoguiada polo Casco Vello na que, cada vez que resolvemos unha proba, se desvela un dato curioso sobre o lugar no que estamos. As creadoras advirten que ser de Vigo non supón unha vantaxe á hora de solucionar as adiviñas, pois estas son máis de lóxica que de coñecemento da cidade; atopar as diferenzas entre dúas imaxes ou resolver un problema matemático son algúns exemplos.

A experiencia está dispoñible en calquera momento e non require reserva previa: só temos que mercar o código e acceder ao xogo, sen necesidade de descargar aplicación ningunha. É unha opción axeitada para gozar en parella, con amigos ou en familia, xa que só precisamos un móbil con conexión a Internet e batería, papel, boli e calzado cómodo para patear durante aproximadamente hora e media. Ademais, podemos sincronizar os teléfonos para xogarmos en grupo.

A empresa conta con rutas gamificadas en moitas outras cidades e vilas galegas, polo que o taboleiro de xogo se expande ata Tui, Baiona, A Guarda, Pontevedra, Ortigueira, Mondoñedo… Tamén se poden encargar experiencias á medida para empresas ou eventos privados.

REVISTA NADAL