ENCORDASS

‘Sirat’, o novo filme de Óliver Laxe premiado en Cannes, chega aos cines

Este venres 6 de xuño chega aos cines Sirat, a nova película do cineasta galego Óliver Laxe. O filme vén avalado polo Festival de Cannes, o máis prestixioso do mundo, onde conseguiu o Premio Especial do Xurado. En Vigo proxéctase en Multicines Norte, Ocine (Gran Vía), Yelmo (Vialia e Travesía) e Tamberlick (Plaza Elíptica).

Fotograma de Sirat | Cedida

Un adulto, acompañado polo seu fillo pequeno e un can, adéntranse nunha rave en medio do deserto marroquí en busca da filla maior, fuxida hai varios meses. Nin pai nin fillo (nin o can) parecen encaixar moito no ambiente: a música tecno fai vibrar o peito de centos de persoas que bailan libres e visten de xeito desprexuizado. A procura non resulta fructífera, pero descobren que ao sur do país vai celebrarse outra destas festas en poucos días e deciden seguir a un grupo de raveiros a este novo destino.

Este é o punto de partida de Sirat, a nova película de Óliver Laxe, quen alcanzou moita sona a nivel estatal e internacional co seu anterior filme O que arde (2019). Pouco ten que ver esta nova película coa súa predecesora: pasamos dun drama rural intimista sobre o lume no monte galego a un híbirdo entre road movie, western, superviviencia e drama no deserto marroquí. Cambiamos, tamén, o galego polo castelán e o francés. Ademais, a trama situáse nun contexto de fin de ciclo, nun conflito bélico internacional do que sabemos pouco pero que acaba por ter relevancia no transcurso da metraxe. Este ambiente tenso e violento entre países non está inspirado na actualidade, pois comezou a escribir este guion hai máis dunha década.

Sirat, que significa “o camiño recto” ou “o camiño dos xustos” segundo o Corán, é para Laxe a palabra “que mellor recolle a complexidade e as múltiples capas da película”, polo seu sentido “trascendental e espiritual”. A película vén de ser galardoada ex aequo no Festival de Cannes, o máis prestixioso do mundo, co Premio Especial do Xurado, que adoita entregarse a propostas arriscadas e valentes a nivel formal ou temático. É o caso de Sirat, que ofrece unha trama profunda con varias lecturas e un apartado visual e sonoro (premiado tamén en Cannes neste aspecto) de moito mérito. No proceso de creación, di Laxe, foi crucial “pasar desa idealización de min mesmo e tocar máis a miña ferida”, facendo un traballo de instrospección para traer “serenidade” á súa vida. Na súa opinión, son os momentos de crise e dó nos que conectamos realmente coa vida e cun mesmo, e iso quixo plasmar na súa última creación.

Os actores Bruno Núñez e Sergi López nun fotograma da película | Cedida

Non só o xurado do certame francés caeu rendido ao cine de Laxe. A crítica profesional tampouco escatimou en eloxios: “Unha visión brillantemente estraña e de culto da psicoloxía humana” (Variety), “A obra máis completa de Laxe” (IndieWire), “Sorprendentemente orixinal, sorprendentemente desternillante e profundamente inquietante” (Time Out) ou “Máis fina que un cabelo e más afiada que unha espada” (Cineuropa) son algúns dos calificativos que os expertos dedicaron o filme. Tamén hai outras recensións que, recoñecendo o mérito do filme e o talento do seu creador, non acaban de comprender cara onde se dirixe a trama, cal era a intención do autor ou a adecuación dos recursos que utiliza para guiarnos polos fermosos e áridos paisaxes de Marrocos.

Concordo con esta visión algo máis escéptica, máis terreal e menos espiritual, xa que considero que Laxe fai pequenas trampas ao longo do filme que enumeraremos sen destripar a trama: a busca inicial da filla non é máis que un macguffin sen maior trascendencia; a escolla de actores non profesionais semella responder máis a unha cuestión estética (á metade fáltalles algún membro e parecen sacados de Mad Max) que meramente interpretativa; esfórzase moito en impactar ao espectador pero acaba por repetir o mesmo truco en varias ocasións e con menor efecto… Outra das eivas, relacionada en parte co que diciamos antes dos actores e actrices non profesionais, son os diálogos: non son memorables, non aportan demasiado á trama e, nalgúns casos, son tan sobreexplicativos que rozan o ridículo (non mencionamos o exemplo en concreto para evitar spoilers). Todo o esforzo e bo facer que hai tras a fotografía, deseño de son e dirección de arte non parece ser correspondido a nivel de guion. En defensa de Laxe diremos que este é un mal moi común no cine español e galego, onde se confunden o minimalismo e a naturalidade coa banalidade.

Sirat é un bo filme, cunha factura técnica sobresaínte e unha trama que atrapa e mesmo impacta (e moito) nalgúns puntos, mais en ocasións parece que o autor tiña moitas máis cousas na cabeza das que foi quen de traspasar á pantalla. Escoitando as súas declaracións en conferencias de prensa e entrevistas teño a sensación de ter visto unha película diferente da que el me fala ou, quizais, de non ser o suficientemente intelixente ou sensible para a súa proposta.

REVISTA XUNHO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.