‘Sirat’ e ‘Romería’, preseleccionadas para representar a España nos Oscar
Os filmes Sirat, do galego Óliver Laxe, e Romería, da catalana Carla Simón pero rodado en Vigo, son dous dos tres seleccionados para representar a España nos premios Oscar. Completa o podio Sorda, de Eva Libertad. O próximo 17 de setembro a Academia de Cine dará a coñecer a película seleccionada, que terá que pasar un novo corte para estar entre as candidatas á Mellor Película Internacional.

Dúas películas vinculadas con Galicia, de xeitos moi distintos, teñen posibilidades de optar a unha estatuíña nos premios Oscar, organizados pola Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas de Estados Unidos. Son Sirat, do cineasta galego Óliver Laxe, e Romería, dirixido pola barcelonesa Carla Simón e rodado en Vigo e a súa contorna. Completa a preselección Sorda, debut da murciana Eva Libertad.
Estas tres películas foron escollidas entre 57 candidatas, todas elas estreadas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025. O vindeiro 17 de setembro a Academia de Cine española anunciará cal das tres é a que finalmente representará a España na carreira polo Oscar a Mellor Película Internacional. Esta selección non implica que sexa candidata á estatuíña, pois aínda ten que pasar un novo corte da Academia estadounidense entre todas as películas presentadas polos países estranxeiros (o ano pasado foron máis de oitenta), que escolle ás cinco finalistas. A gala dos premios Oscar celebrarase o 15 de marzo de 2026 no Teatro Dolby de Los Ángeles.
A priori o filme do galego Óliver Laxe, Sirat, parte como favorito, pois colleitou o Premio do Xurado Cannes e moitos filmes premiados no festival francés acaban por ter éxito nos Oscar, como é o caso de Anora ou Parasites, ambas galardoadas con Palma de Ouro en Cannes e o Premio a Mellor Película nos Oscar. Ademais, a película tivo moita sona a nivel mediático, e iso súmase a que a distribución en Estados Unidos corre da man de Neon, unha empresa punteira neste aspecto. Tamén cómpre resaltar que o filme está producido por El Deseo, a produtora dos irmáns Almodóvar, ambos con experiencia nos premios estadounidenses.
Por outra banda, Romería é a terceira preselección aos Oscar de Carla Simón, tras Estiu 1993 e Alcarràs. O filme rodado en Vigo estréase en cines este venres 5 de setembro, polo que a súa repercusión en prensa e público aínda é relativamente escasa. Participou na Sección Oficial de Cannes pero cun paso máis discreto que a súa contrincante Sirat.
Por último, quizais a que parte con menos posibilidades é Sorda, o debut nas longametraxes de Eva Libertad. Chegou discretamente aos cines a comezos de abril deste ano, tras obter o Premio do Público da sección Panorama na Berlinale e a Biznaga de Ouro en Málaga. A súa presencia mediática é moito menor que a das súas competidoras, pero a súa temática sobre discapacidade gusta moito por terras americanas, como demostra o Oscar a Mellor Película a Coda en 2022, tamén un filme sobre a sordeira.

