Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial
Do 24 ao 26 de xullo o festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrarase, como vén sendo habitual, na illa de San Simón. Mais esa é só unha parte da súa ambiciosa programación: varios espazos de Vigo, Oia e mesmo a cidade portuguesa de Braga tamén acollen actividades e actuacións do festival máis singular do territorio. Falamos con Luis Campos, codirector do festival.

Hai un ano saltaban as alarmas para o equipo de Sinsal: o Goberno declaraba á illa de San Simón lugar de memoria histórica, coa intención de prohibir que se celebrasen “actitudes de banalización ou negación da memoria” como festas temáticas ou eventos de baile, en palabras do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A produtora viguesa sempre mostrou un enorme respecto polo pasado da illa e mesmo realizou actividades para difundilo, mais a celebración do festival quedaba en interdito.
Sobre esta polémica, o codirector do festival, Luis Campos, amósase tallante: “Fastídiame que se nos tache de irrespetuosos porque desde o principio o respecto por tódolos espazos e a sensibilidade pola memoria foron a nosa máxima”. Campos explica que, polo de agora, non hai ningunha normativa clara que impida a celebración: “Mentres non haxa unha declaración institucional como espazo de memoria democrática que especifique que se pode facer, nós seguimos coa autorización da Xunta“. Lonxe de fuxir do debate, o director afirma que o festival sempre incluíu actividades que poñen en valor a historia da illa como lazareto ou campo de concentración e que están “abertos a colaborar con calquera colectivo” para manter esa sensibilidade.

Unha “travesía” que expande o ADN do festival
Aínda que a situación en San Simón xerou ruído, a expansión xeográfica deste ano responde tamén a un desexo de medrar fóra dos límites físicos do arquipélago. Baixo o concepto de “travesía”, o Sinsal conecta este 2026 o patrimonio industrial e arquitectónico de Vigo co Camiño Portugués. “Pareceunos unha moi boa idea estendernos a sitios singulares de Vigo e utilizar o Camiño como un referente para a proposta artística”, comenta Campos. Engade tamén que a idea desta oferta paralela é “ofrecer á xente que ao mellor non pode acceder a San Simón, porque a capacidade é limitada, a posibilidade de desfrutar de Sinsal”.
Neste percorrido pola cidade olívica, destacan as localizacións industriais que abren as súas portas á música de vangarda. O venres 31 de xullo, a Nave de Rederas no Peirao de Bouzas (un espazo dedicado á construción de aparellos de pesca) converterase en escenario para a actuación de Las Nietas del Charli. Pola súa banda, KALEIDO, Ideas & Logistics, que celebra o seu 50 aniversario, transformará a súa terminal loxística do Areal nun auditorio para María Rodés, demostrando como o son pode transmutar calquera espazo de traballo.
Esta aposta por lugares pouco comúns non é nova. Campos lembra que forma parte do “ADN do festival” desde que en 2003 decidiron levar a música a teatros, asteleiros, aparcadoiros ou terrazas. “O atractivo está en deslocalizar a música e poñer en valor espazos que moitas veces non pensamos que poden ser perfectos para ser acompañados de boa música”, sinala o director. Exemplos disto son os concertos no Planetario do Instituto Marítimo ou na cámara semianecoica da Universidade, lugares onde a acústica desafía tanto ao artista como ao público e que terán lugar o venres 24 pola mañá, xusto antes de poñer rumbo a San Simón.

25 anos sen “morrer de éxito”
A piques de cumprir un cuarto de século en 2027, Luis Campos bota a vista atrás con orgullo: “Quen ía dicir que aqueles rapaces que se xuntaron para montar unha tenda de discos nun local underground rodeado de sex-shops ían estar hoxe aquí”. O festival, recoñecido en 2026 como unha das mellores iniciativas culturais de España, logrou manter o seu carácter de “nicho” malia o crecente interese mediático: “É incrible que nun mundo onde prima a comercialidade, un produto tan de nicho estea aguantando tantos anos”, admite.
Sobre como adaptarse ao éxito sen perder a esencia, Campos destaca a confianza cega do público no seu cartel secreto. “É unha pasada que a xente merque unha entrada sen saber quen vai tocar ata que desembarca na illa”. Para o equipo de Sinsal, a clave está en non decepcionar esa curiosidade: “Conseguimos que a xente teña a confianza de que vai descubrir algo novo que lle vai gustar, e ese é o maior éxito ao que pode aspirar calquera marca ou proxecto cultural”. Móstrase satisfeito tamén pola chegada de novos públicos, quizais menos melómanos que os que acudían ao comezo, pero benvidos sempre e cando veñan con con curiosidade e a mente aberta anovas propostas.
A travesía continuará o sábado 1 de agosto no Museo do Mar de Galicia e rematará o domingo 2 no Real Mosteiro de Oia, un escenario cisterciense fronte ao mar que, coma o propio festival, conxuga a historia do pasado coa vibración do presente. Para organizar ben a axenda, o mellor e consultar a web do festival.

PROGRAMACIÓN
Mateo Mena: Detrás del azul. Work in progress
Venres , 24 de xullo | Planetario do Instituto Marítimo Pesquero (Vigo) | 10:30 e 12:30
Carme López: Quintela
Venres 24 de xullo | Cámara semianecoica da Universidade de Vigo (Vigo) | 10.30 e 12.30 horas
Festival Sinsal
Venres 24 a domingo 26 | Illa de San Simón
Braga: Pasos e espazos do Festival Semibreve
Venres 31 de xullo | Braga | 15.00 horas
Las nietas del Charli
Venres 31 de xullo | Nave de Reder@s (Vigo) | 20.30 horas
María Rodés
Venres 31 de xullo | Kaleido Logistics (Vigo) | 22.30 horas
Programación secreta
Sábado 1 de agosto | Museo do Mar (Vigo) | 20.30 horas
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración - 18 Xullo, 2026
- Novidades musicais locais para escoitar cos pés a remollo - 17 Xullo, 2026
- Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial - 8 Xullo, 2026
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026

