VIALIA
bannerPicnicSesions

Sinsal ofrece a súa versión máis primaveral

O festival trae á cidade entre abril e maio o proxecto de Tashi Wada con Julia Holter, o tributo de Dorian Wood a Chavela Vargas e convida a Vudú e a Eladio y los Seres Queridos ás Sesións Anecoicas. As entradas xa están á venda.

Como xa sen vén sendo habitual, o Sinsal Festival esténdese ao longo do ano con distintas citas ao redor da ría, especialmente na nosa cidade. Ao igual que fixeron en inverno, esta primavera Sinsal ofrece unha serie de concertos moi especiais ao público vigués, seguindo na súa liña de vangarda e innovación.

Dous espectáculos especiais no Auditorio Municipal do Concello: o proxecto de Tashi Wada Group con Julia Holter e Corey Fogel (14/04), e o tributo de Dorian Wood a Chavela Vargas baixo o título Xavela Lux Aeterna (18/04), aos que se suman dúas Sesións Anecoicas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coas bandas galegas Vudú (10/04) e Eladio y los Seres Queridos (22/05).

REVISTA ABRIL

O compositor residente en Los Ángeles Tashi Wada presenta a súa nova formación en colaboración con Julia Holter e o percusionista e performer Corey Fogel. Xuntos interpretan o último disco de Wada: Nue, publicado o pasado outono. Este proxecto é ademais unha oportunidade de reencontro en Vigo con Julia Holter, onde tocaron en 2012 presentando o seu traballo Ekstasis. Será o 14 de abril ás 21:00 no Auditorio Municipal.

Outro vello coñecido da cidade é Dorian Wood, que actuou en xaneiro de 2014 nun Auditorio Municipal do Concello ateigado de público. Ademais de compoñer, arranxar e cantar, Wood destaca como performer e artista visual. O que trae de volta a Vigo a Dorian Wood -que naceu en California con ascendencia costarricense- é un proxecto moi especial, no 100 aniversario do nacemento de Chavela Vargas co título Xavela Lux Aeterna. O concerto terá lugar tamén no Auditorio do Concello o 18 de abril ás 21:00.

Na primavera entran na cámara semianecoica da Universidade de Vigo as bandas Vudú e Eladio y los Seres Queridos. A cámara acústica semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas, unha sala na que practicamente non hai eco nin reverberacións. O dúo coruñés visitará este espazo o mércores 10 de abril, mentres que a banda local liderada por Eladio Santos fará o propio o 22 de maio. É precisa inscrición previa no correo electrónico info@sinsalaudio.org.