Sinsal crece no tempo e o espazo e celebrarase tamén no Camiño Portugués
A edición de 2026 do festival Sinsal celebrarase por primeira vez ao longo de dúas fins de semana consecutivas: entre o 24 e o 26 de xullo na illa de San Simón e, entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, na cidade de Vigo e outras localidades da súa contorna.

O evento cultural decorrerá por vez primeira en dúas fins de semana consecutivas: do 24 ao 26 de xullo desenvolverase fundamentalmente no arquipélago e do 31 de xullo ao 2 de agosto en localidades do Camiño Portugués. A organización aposta por unha “travesía” cultural que incluirá tamén o percorrido do Camiño Portugués, reforzando así os vínculos coa escena musical portuguesa, presente desde as primeiras edicións do evento.
Desde 2010, o evento caracterízase por polo seu cartel secreto que o público descobre ao desembarcar na illa. Tamén por acoller propostas menos coñecidas e de moitos países do mundo, procedentes de África, América, Asia, Europa e Oceanía. Ademais da programación musical, o Sinsal inclúe actividades paralelas centradas na divulgación da historia e do patrimonio da illa de San Simón, así como na concienciación ambiental, a sustentabilidade e a recuperación de arquivos sonoros a través da Escola Sinsal. A illa de San Simón, que ao longo da historia foi escenario de diferentes usos, desde fonte de inspiración literaria ata lazareto ou campo de concentración, é unha das súas señas de identidade.
Sinsal chega a esta nova edición tras ser recoñecido en 2026 pola Fundación Contemporánea como unha das mellores iniciativas culturais do Estado, sendo ademais o único festival galego presente no top 10. A organización manterá unha programación caracterizada pola diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e a estrea de numerosas bandas e artistas tanto en Galicia como no conxunto de España.

