Sinsal continúa a súa travesía en Braga, Vigo e Oia tras tres días de descubrimentos en San Simón
A illa de San Simón volveu ser o punto de encontro do Festival Sinsal, que durante tres xornadas reuniu unha programación tan ecléctica como imprevisible, fiel á filosofía do cartel secreto que caracteriza o festival en cada edición. Nunca sabes que artistas vas escoitar ata que desembarcas na illa.

Entre o venres 24 e o domingo 26 de xullo desfilaron polos escenarios do Sinsal artistas chegados de Europa, África, Asia e América, algúns deles por primeira vez en Galicia e, nalgúns casos, tamén en España. A programación completouse con propostas galegas e estatais que conviviron coa escena internacional desta edición.
O venres 24 de xullo foi a primeira xornada do festival. A programación estivo marcada pola estrea estatal do maliense Ben Zabo e das xaponesas NI-HAO!!!, ás que se sumaron o rock dos portugueses Travo, a delicadeza da mallorquina Júlia Colom e o dobre set do selector galego Dr. Wampush.

O sábado 25 de xullo foi a quenda do pop de Gazella, a contundencia de Merina Gris, o regreso da artista Mary Ocher coa súa homenaxe ao cabaret alemán, a estrea estatal das Gigi Girls, o hip hop de Cakes da Killa, o directo explosivo dos británicos AK/DK e a celebración dos trinta anos de carreira do DJ vigués Viktor Flores.
A despedida de San Simón chegou o domingo cunha nova viaxe sonora protagonizada pola psicodelia de Skanderani, o proxecto galego-portugués Mocho Gris, o soul e hip hop de Nadeem Din-Gabisi, o roots blues africano de Virginie Dembelé, a electrónica inspirada no folclore colombiano de Indus, o universo mestizo de Juventude e a sesión final dos portugueses Matéria Prima DJs, encargados de pechar tres días de descubrimento musical

Un festival cheo de música, pero tamén de actividades
O Sinsal volveu demostrar que a súa proposta vai moito máis alá da música. En paralelo aos concertos, a illa acolleu un amplo programa de actividades divulgativas e familiares que convidaron ao público a descubrir San Simón desde outras perspectivas. Os roteiros guiados Illario Pantasma, con Xosé Lois Faílde, e A illa misteriosa, de Arte y Garabato, permitiron afondar na historia e nos recunchos do arquipélago, mentres que o paseo sonoro A radio natural de San Simón, guiado por Mateo Mena, puxo o foco na paisaxe acústica da illa.
A programación completouse con propostas para todos os públicos, como a presentación de Analogik Dreams, o selo impulsado por Sinsalaudio que grava música en discos de cerámica; o obradoiro de creación musical Do, Re, Bip, dirixido ao público máis novo, un taller gastronómico impartido pola chef Begoña Vázquez e unha degustación de produtos de Galicia Calidade, consolidando o carácter cultural e experiencial que distingue ao festival.
O que aínda está por vir
A programación do Sinsal non remata en San Simón. Do 31 de xullo ao 2 de agosto, o festival continuará a súa travesía con concertos e actividades en diferentes localizacións, incluso vencelladas co Camiño Portugués.
A primeira parada será o 31 de xullo en Braga, onde o festival celebrará o paseo musical Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve, unha proposta que permitirá descubrir algúns dos espazos máis emblemáticos deste recoñecido evento portugués. Ademais, os artistas locais Tomás Alvarenga e Alcrud3 ofrecerán actuacións no Museu Nogueira da Silva e na Livraria Centésima Página. De regreso a Galicia e ese mesmo día, o 31 de xullo, o porto de Vigo acollerá dous concertos singulares en espazos industriais da cidade. Las Nietas del Charli estrearanse en Galicia na Nave de Reder@s, en Bouzas, mentres que Maria Rodés actuará entre os bloques de granito de Kaleido Logistics.
A programación continuará o 1 de agosto no Museo do Mar de Galicia, onde regresará a fórmula do cartel secreto con varias estreas estatais e a presentación en Galicia do novo traballo dun recoñecido grupo galego. O festival despedirase o 2 de agosto no Real Mosteiro de Oia, cun concerto especial da cantautora Alondra Bentley nun escenario único, o único edificio cisterciense do mundo situado á beira do Atlántico.
Para estes eventos aínda quedan entradas dispoñibles. Podes consultar a programación e prezos AQUÍ.

PROGRAMACIÓN DA EDICIÓN DO FESTIVAL SINSAL 2026
Mateo Mena: Detrás del azul. Work in progress
Venres , 24 de xullo | Planetario do Instituto Marítimo Pesquero (Vigo) | 10:30 e 12:30
Carme López: Quintela
Venres 24 de xullo | Cámara semianecoica da Universidade de Vigo (Vigo) | 10.30 e 12.30 horas
Festival Sinsal
Venres 24 a domingo 26 | Illa de San Simón
Braga: Pasos e espazos do Festival Semibreve
Venres 31 de xullo | Braga | 15.00 horas
Las nietas del Charli
Venres 31 de xullo | Nave de Reder@s (Vigo) | 20.30 horas
María Rodés
Venres 31 de xullo | Kaleido Logistics (Vigo) | 22.30 horas
Programación secreta
Sábado 1 de agosto | Museo do Mar (Vigo) | 20.30 horas
Alondra Bentley
Domingo 2 de agosto | Real Mosteiro de Oia | 20.00 horas

