Seis terrazas para tomar o verán
Albatros, gastronomía e mar no centro urbano
Peirao de Transatlánticos (Estación Marítima) | @albatrosvigo | albatrosvigo.com | 986 43 71 62

En pleno centro da cidade atopamos unha das terrazas máis valoradas polo público vigués. Accesible durante todo o ano, neste local podemos simplemente tomar algo ou gozar dun elaborado menú coa sensación de estarmos sentados sobre o mar. Albatros está situado na Estación Marítima e ofrece unhas vistas que abranguen desde as illas Cíes ata a ponte de Rande.
Ademais da localización privilexiada, o restaurante dispón dunha interesante oferta culinaria que combina carta fixa e mais un menú executivo que cambia cada semana. En ambos os casos contan con pratos elaborados con materias primas frescas, produtos do mercado local e preparacións que conxugan diversas cociñas internacionais coa mellor tradición galega. O máis destacado son os peixes e os arroces. O polbo á grella, o bacallau en tempura, o arroz da casa e a fideuá de chocos de Redondela son algúns dos pratos estelares deste establecemento.
Lagareta by Aurora, piscina e restaurante con altura
Estrada de Camposancos, 347 | @lagareta_by | lagareta.cartasdigitaleszc.com | 627 48 50 78

De salón de vodas a remanso de paz moi preto da praia. Lagareta by Aurora é un restaurante, cafetería, xardín e espazo para eventos con moito verde, grandes terrazas e unha carta moi ampla e versátil. Ao establecemento, que conta con cociña aberta todo o día, pódese acudir para tomar un brunch, un vermú, unha merenda con nenos ou unha cea de petiscada. Tamén podemos sentar con calma e comer de prato: arroz con polbo, picaña, salmón, hamburguesa…, as opcións son moitas e adáptanse a dietas celíacas, vexetarianas e veganas. Para celebracións privadas, o local ofrece a opción de pechar un menú personalizado e reservar algún dos seus espazos, incluída a piscina, para gozar dunha festa privada.
Aquí a comida é moi importante, pero o principal atractivo é a localización, afastada do ruído da cidade e a poucos minutos da praia de Canido. Buscan fuxir do concepto de restaurante típico e propoñen un espazo de pracer onde os solpores se poden contemplar desde as tres terrazas e os xardíns. As vistas ás Cíes desde a terraza e o amplo xardín con piscina completan a pracenteira experiencia de achegarse a Lagareta.
O Solpor, terraza a pé de praia
Baixada a praia de Saiáns, 176 | @chiringuitoosolpor

A praia do Fortiñón, en Saiáns, conta desde maio cun novo punto de encontro para quen busca algo máis que area e salitre. Situado fronte á praia, na subida ao aparcadoiro privado, O Solpor nace da man de Madi, unha hostaleira de Redondela que decidiu aproveitar un terreo familiar para ofrecer un espazo onde o bo ambiente prima sobre as etiquetas.
Algúns dos grandes acertos de Madi son os prezos competitivos, con cañas a menos de tres euros, e a flexibilidade: todo o que se serve na caseta, desde a sangría ata os petiscos, pode baixarse ao areal sen restricións, o que facilita a vida a quen prefire non renunciar á praia. Ademais de cervexas, sangría, refrescos e xeados, O Solpor ofrece bocadillos e pizzas elaborados por unha panadería da zona, que están a ter moi boa acollida entre as persoas que o se achegan con frecuencia.
O nome do local fai referencia á súa posición privilexiada. As vistas cara ás illas Cíes e a visita frecuente de arroaces converten esta caseta nun observatorio privilexiado dos últimos momentos de luz diarios. Aínda que non programa concertos, a música xorde de xeito orgánico; non é raro que clientes cheguen coas súas propias guitarras para crearen unha banda sonora improvisada que acompaña o momento. O Solpor permanecerá aberto de luns a domingo ata o vindeiro 31 de outubro, con aparcadoiro gratuíto a partir das 20:00 horas.
Con Tenedor Dock, vistas á ría entre colectores
Travesía de Bouzas Portuario, 588 | @contenedor_dock | 676 97 59 85

O barrio mariñeiro de Bouzas conta desde abril de 2025 cunha proposta que redefine a paisaxe do peirao de reparacións. Con Tenedor Dock é un bar-restaurante construído integramente con colectores de transporte entrelazados. Esta estrutura industrial de tres niveis non só chama a atención pola súa estética, senón tamén pola súa intelixente integración na contorna portuaria. O deseño do local está pensado para vivir de cara ao mar. Na actualidade dispón de tres terrazas distribuídas en diferentes alturas: dúas na planta baixa e outra no segundo nivel, un espazo exterior panorámico onde gozar da brisa mariña e da actividade do peirao. O local abre os 365 días do ano desde as 08:00 horas (as 09:00 horas as fins de semana e os festivos), garantindo sempre un recuncho fronte ao mar.
A proposta gastronómica de Con Tenedor Dock destaca pola súa versatilidade. Comezan desde cedo con almorzos que inclúen torradas con AOVE ou tomate, croissants (simples ou mixtos), o clásico pincho de tortilla e empanadillas. Para as comidas e ceas, a carta especialízase cunha variada selección de tostas, entre as que destacan a de solombo con queixo de tetilla, a de salmón con crema de queixo ou a de gambas con alioli. O concepto da petiscada é o corazón do local. A clientela pode saborear racións clásicas como a ensalada rusa, delicias de polo con salsa, xamón asado con patacas ou luras. Unha das especialidades da casa son os ovos rotos, dispoñibles en media ración ou ración enteira, con opcións que van desde o xamón curado ata a chistorra ou a combinación de gulas e gambas. Ademais, ofrecen unha ampla gama de bocadillos (luras, lombo ou polo con queixo) e un menú do día de luns a venres pensado para quen traballa ou visita a zona. Todo isto vai acompañado pola súa característica cervexa de bodega, servida desde barrís xigantes. Alén da comida, o local consolidouse como un punto de encontro para os afeccionados ao deporte: nunha pantalla xigante que preside o espazo, retransmítense partidos de fútbol, tenis e outros deportes.
Faneco, sabor a brasas entre árbores
Parque forestal de Beade | @ofaneco | 986 69 80 89

Na frondosidade do parque forestal de Beade atopamos este asador que pode presumir de acoller unha das terrazas máis tranquilas e refrescantes da época estival. No verán de 2022, Ubaldo Méndez púxose á fronte deste restaurante e, tras levar a cabo unha importante reforma, apostou por facer das brasas a cerna do seu negocio. O Faneco conta cun amplo salón interior e tres terrazas para gozar da comida inmersos na contorna forestal. No corazón da súa cociña está o lume, de onde saen pratos de churrasco e tenreira galega, así como peixes e verduras. Ubaldo explica que instalaron unha grella con tres espazos diferenciados nos que poden preparar diferentes produtos sen interferencias de sabor, para garantiren que a carne non sexa a única protagonista. De entrantes ofrecen tapas tradicionais para compartir, como tortilla, pementos ou luras, ademais de ensaladas e sobremesas. O seu menú do día, dispoñible de martes a venres, atrae moita veciñanza da contorna ao mediodía.
Outra das patas do negocio son os eventos culturais. Ubaldo, que durante varios anos rexentou un bar co mesmo nome na rúa Real, quixo manter nesta nova andaina o ánimo festivo que o caracterizaba. As actuacións musicais son frecuentes, especialmente nas fins de semana e na época estival. A disposición en varios ambientes e un horario amplo (de 12:00 a 20:00 horas de martes a xoves, que se amplía ata a medianoite nas fins de semana) convérteno nun lugar ideal para gozar en calquera momento do día. Perfecto para o lecer, con rutas de sendeirismo, parque infantil e campo de fútbol arredor, o Faneco ofrece un espazo en pleno contacto coa natureza sen necesidade de saír da cidade.
La Vela, tradición e modernidade fronte ás illas
Avenida de Samil, 18 | @terrazalavela

A terraza por antonomasia do verán vigués é La Vela, un posto sobre a praia dos Olmos que abriu as portas por vez primeira en 1981 baixo outro nome. Marisa Prado, cuxo avó rexentaba o hotel El Bosque Patouro, en Samil, decidiu continuar coa tradición hostaleira abrindo neste terreo familiar un establecemento no que dar comidas e bebidas nos días estivais. Ademais da profesión, pode que Marisa tamén herdase do seu avó, que foi o primeiro en abrir na zona un local hoteleiro, o bo ollo para os negocios. Corenta e cinco anos despois da apertura, son numerosos os establecementos que o rodean e que enchen as zonas que dan ao mar.
Ao longo de todo este tempo, Marisa afanouse en ir mudando a estética do local. Na actualidade, La Vela ofrece terrazas en dúas alturas, un espazo pechado que permite gozar do posto os días fríos e unha khaima. Mentres ollamos de fronte como o sol se esconde tras das Cíes, podemos degustar algún dos petiscos que elaboran de forma caseira na propia cociña do establecemento. A carta está composta por hamburguesas, tostas e diferentes opcións para picar, como o hummus de pemento, as patacas de tomiño e parmesano ou as croquetas de faceira. Ademais, este verán ofrecen a posibilidade de alongar a sobremesa saboreando un delicioso cóctel preparado no momento con froita natural.
Neste negocio familiar apostaron desde o inicio por encher de actividade cultural os seráns estivais. Cándido Pazó, Luis Zahera e Avelino González son algúns dos cómicos que pasaron por este local, que tamén programa música ao vivo e organiza festas temáticas. Outra das posibilidades que ofrece esta terraza de Alcabre é a de acoller eventos privados e personalizados. O establecemento ofrécese na súa totalidade ou algún dos espazos, en función do número de asistentes, e Marisa e o seu equipo encárganse da decoración e da comida, que pode consistir nun menú desenfadado ou en pratos máis elaborados como as voandeiras, o crocante de lagostino ou a empanada de pescada con grelos.

