CASTRELOS 25

Seis actividades imprescindibles da Feira do Libro

Do 1 e o 7 de xullo a Feira do Libro volve á Praza de Compostela de Vigo, organizada pola Federación de Librarías de Galicia. O programa completo pode consultarse aquí, pero poñévolo doado con esta guía dos esenciais para desfrutar da semana grande da literatura en Vigo.

Pedro Feijoo, Domingo Villar, Paco Nogueiras, Manuel Bragado, Nuria Vil e Branca Trigo

A Feira do Libro consolídase na praza de Compostela, logo de anos de peregrinaxe polo Calvario e a Rúa do Príncipe. Ao longo de sete días, editoras, librarías e autores de toda Galicia ofrecerán presentacións, obradoiros, sinaturas e espectáculos para todas as idades. Este 2025 chega con novidades: 21 casetas, catro máis ca o ano pasado, e un cartel ilustrado pola artista María Lapido, que plasma o lema da feira: Onde florecen os libros.

Entre a extensa programación, escollemos cinco actividades destacadas:

1 – Pregón de apertura con Nuria Vil

A Feira do Libro de Vigo arrinca oficialmente o martes 1 de xullo ás 12:30 h, coa lectura do pregón na Praza de Compostela, a cargo da poeta e performer Nuria Vil. Natural de Vigo, Vil é unha creadora multidisciplinar que traballa a poesía, a arte escénica e a performance, cun estilo propio marcado polas mensaxes sociais e a experimentación co corpo e o son.

2 Actividades infantís: contos e teatro para a rapazada

A programación infantil ocupa un espazo importante na feira. O martes 1 ás 18:15 h as familias gozarán do espectáculo interactivo Os Xogos do Paporrubio. O xoves 3 terá lugar o concerto-espectáculo C@nto contigo, de Paco Nogueiras, no que o artista repasa as mellores cancións dos deus tres discos. O venres á mesma hora o grupo Pedras de Cartón representará a obra Carapuchiña vermella. Ademais, haberá dous contacontos e obradoiros de reciclaxe.

3 – Obradoiros creativos para todos os públicos

Os obradoiros son outra das propostas destacadas desta edición, pensados para fomentar a participación dos asistentes. O mércores 2 de xullo ás 18:15 h celébrase Follas de papel, unha actividade de marcapáxinas con papel reciclado. O sábado 5 de xullo, ás 18:45 h, chega Unha viaxe con Rosalía, un obradoiro de iniciación ao cómic impartido por Paula Mayor.

4 – Roteiro literario: O Vigo de Leo Caldas

O sábado 5 de xullo ás 12:00 h, terá lugar unha das actividades estrela desta edición: o roteiro literario polos escenarios das novelas de Domingo Villar, guiado por Pedro Feijoo e Guada Guerra. A proposta percorre os espazos da cidade polos que transitou o inspector Leo Caldas, protagonista das novelas do autor vigués falecido en 2022 e que conta cunha estatua na propia Alameda. As prazas son limitadas e a saída é desde a carpa da feira. Continuando coa lembranza de Domingo Villar, o domingo 6 de xullo ás 12:00 h, celebrarase unha lectura pública das súas obras na carpa principal.

5 – Encontros con escritores

Todos os días hai conversas con autores e presentacións de libros. Citamos algunhas delas. O mércores 2 de xullo ás 19:45 h, o editor e ensaísta Manuel Bragado presenta Vigo na liña de tempo, nunha conversa con Xoán Carlos Gallego Abad, presidente do Instituto de Estudos Vigueses.

O xoves 3 de xullo, ás 18:45 h, Diego Giráldez presenta As obras póstumas, acompañado pola escritora Ledicia Costas. Ese mesmo día, ás 20:00 h, dentro do ciclo Conversas Follas Novas, Tamara Novoa, directora de A Movida, conversa con Sandra Lodi, gañadora do premio ao Mellor Libro Ilustrado por Papóns.

O domingo 6 de xullo ás 19:00 h, será a quenda de Pedro Feijoo, que presenta Onde nacen as bestas acompañado da xornalista Guada Guerra.

6 – Poesía en escena

A poesía está representada por tres artistas afincados en Vigo. O martes 1 de xullo ás 19:45 h, a poeta Branca Trigo ofrece Mandrágora. Ritual poético. O domingo 6 de xullo ás 13:00 h, chega Man a man, un espectáculo poético a dúas voces protagonizado por Samuel Merino e Silvia Penas, dúas das grandes voces da poesía oral galega contemporánea.

RIO VERBENA
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.