O violín tradicional protagoniza o campamento San Simón Fiddle na illa

A illa de Illa de San Simón volverá acoller este verán unha nova edición do campamento San Simón Fiddle, unha proposta formativa arredor do violín tradicional que vén de abrir o prazo de inscrición ata o vindeiro 31 de maio. A iniciativa enmárcase dentro do Encordass Fiddle Fest, consolidado xa como un dos encontros de referencia para a música de corda en Galicia.

O campamento de violín e cello tradicional San Simón Fiddle, organizado pola asociación Galicia Fiddle, celebra unha nova edición do 6 ao 12 de xullo. Dirixido a mozas e mozos de entre 7 e 25 anos, a proposta combina formación musical con actividades de lecer, cun enfoque centrado en promover o uso dos instrumentos de corda dentro da música tradicional e fomentar unha relación máis próxima e creativa co instrumento, máis alá das esixencias técnicas.

MILLO VERDE

O programa estrutúrase en catro grupos segundo a experiencia do alumnado e inclúe tamén un grupo xuvenil específico para participantes maiores de idade. Aínda que se recomenda contar cun mínimo dun ano de práctica, tamén existe un grupo de iniciación para persoas socias de Galicia Fiddle, con posibilidade de préstamo de instrumento.

Ademáis de aulas de violín e cello, os participantes aprenderán cantos populares e iniciaranse no baile e a percusión tradicional con pandeireta, tarrañolas e cunchas. As clases serán impartidas por recoñecidos mestres, como Alfonso Franco e Anxo Pintos; voces novas como Marina Carpente e María Jorge; e profesores internacionais convidados.

Máis alá da vertente musical, o campamento incorpora actividades de lecer e unha dimensión educativa vinculada ao contexto no que se desenvolve. A illa de San Simón, cunha forte carga histórica, forma parte da experiencia a través dunha visita guiada inicial guiada por Anxo Pintos, que busca achegar ás persoas participantes á memoria do lugar. Tamén inclúe piragüismo, paseo en barco pola ría, xogos populares, deportes, concertos, cea de gala con baile de disfraces, e cine ao aire libre.

O prazo de inscrición está aberto ata o 31 de maio e a adxudicación das prazas realízase por rigorosa orde de solicitude e confirmación do pagamento. O custo total da matrícula ascende a 650 €, con opción de aboar a totalidade ou formalizar inicialmente só a reserva de 150 € mediante transferencia bancaria.

Galicia Fiddle celebra tamén en San Simón o festival de violín e corda tradicional Encordass, que terá lugar do 2 ao 5 de xullo e que nesta edición porá o foco na música escocesa. O festival combina aulas, concertos e obradoiros abertos ao público, reforzando o papel do violín como eixo vertebrador dunha proposta que conecta tradición e contemporaneidade. As entradas para o festival xa están á venda únicamente para instrumentistas, cun desconto do 15% sobre o prezo do público xeral.