San Brais 2026 en Bembrive: programación musical e guía de furanchos

Bembrive volve vivir varias semanas de festa co San Brais, cunha ampla rede de furanchos e unha programación de música tradicional que culminará o 3 de febreiro, día grande da romaría.

A parroquia de Bembrive xa está inmersa na celebración da súa festa máis emblemática. O San Brais, unha romaría con máis de tres séculos de historia, volverá converter a parroquia viguesa nun grande punto de encontro no que tradición, gastronomía e música popular se mesturan ao longo de varias semanas. Un ano máis, espérase a chegada de milleiros de persoas atraídas polo ambiente único que se vive nestas datas. O San Brais prolongarase durante varias fins de semana ata o martes 3 de febreiro, día grande da romaría.

Nos últimos anos, o número de furanchos foi medrando e a romaría ampliou a súa duración, que agora esténdese durante catro semanas. Os furanchos xa están abertos e a San Brais prolongarase ata o martes 3 de febreiro, día grande da romaría. Nesta reportaxe do 2025 pasado falamos con organizadores, furancheiros e varias xeracións de músicos.

Furanchos

Durante o San Brais, garaxes, alpendres e baixos de vivendas transfórmanse en furanchos improvisados onde se serven viños e tapas tradicionais. Estes espazos efémeros son a alma da festa: lugares de reunión nos que a música soa de maneira espontánea e onde é habitual atopar grupos de persoas cantando, tocando e compartindo mesa.

Como novidade, este ano creouse a sanblasiña, unha cartilla que podemos ir selando nos furanchos que visitemos. Se se conseguen os 21 selos, éntrase no sorteo dun lote de produtos para cociñar un cocido. O sorteo celebrarase o día 3 e publicarase a persoa gañadora nas redes sociais de Bembrive en festas

Nesta edición hai 21 furanchos repartidos por toda a parroquia. A maioría están abertos de 19:00 a 1:00 h de luns a xoves, de 11:00 a 4:30 h, venres e sábados e ata a 1:00 h os domingos.

1.S. Xoan de Freixo 2. Cabanas 3. Rianxeira 4. Barallocas 5. O Buraquiño 6. O Recuncho 7. Horreo 8. San Blas 9. Arroutadas 10. Chicha 11. A Reventada 12. 7 Toxos 13. O Submarino 14. O Bombeiro 15. O Barril 16. Portas 17. O Chivo 18. A Blasa 19. Endulza tu vida 20. A Botica de Toñito 21. O Alboio de Correa

Música

A música tradicional é un dos piares fundamentais da celebración. Gaitas, pandeiretas, bombos e cantos populares acompañan o percorrido polos furanchos, tanto en actuacións organizadas como en xuntanzas improvisadas. Se sabemos tocar algún instrumento tradicional, é o lugar idóneo para practicar ou presumir de habilidades.

Estas son as actuacións propostas desde a comisión organizadora, os furanchos e a veciñanza tamén organizan recitais que non están nesta lista :

OV430

Venres 9 de xaneiro, 21:00 h – Itinerante – Cans de Palleiro
Sábado 10 de xaneiro, 20:00 h – Palco Vello – Serán Popular
Venres 16 de xaneiro, 21:00 h – Itinerante – A.C. Sadeo
Sábado 17 de xaneiro, 20:00 h – Itinerante – Sacho Dixen
Venres 23 de xaneiro, 21:00 h – Itinerante – Chascaraschas
Sábado 24 de xaneiro, 12:00 a 13:00 h – Itinerante – Festicultores
Sábado 24 de xaneiro, 20:00 a 21:30 h – Grupo de Gaitas Atlántida de Matamá
Venres 30 de xaneiro, 21:00 h – Itinerante – Gaiteiros da Ría
Sábado 31 de xaneiro, 18:00 a 19:30 h – Palco do Torreiro – A.C. Traspés, pandeireiros e charanga
Sábado 31 de xaneiro, 20:00 a 22:00 h – Palco do Torreiro – Son das Tabernas
Domingo 1 de febreiro, 10:00 h – Itinerante + Praza do Mosteiro – Banda de gaitas Charamuscas
Domingo 1 de febreiro, 11:30 h – Itinerante – Charanga Costamekrélos
Martes 3 de febreiro, 10:00 h – Itinerante – Banda de gaitas, cornetas e tambores Ría de Vigo