Samuel Merino gaña o VII Premio Nacional de Poesía Viva de El Corte Inglés

O poeta porriñés Samuel Merino proclamouse o este 6 de outubro gañador da sétima edición do Premio Nacional de Poesía Viva #LdeLírica, organizado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, nunha convocatoria na que participaron máis de 500 poetas de toda España, un 66 % máis que na edición anterior.

O premio #LdeLírica nace co obxectivo de difundir e fomentar a creación poética viva, recitada e contemporánea, achegando o talento emergente e a calidade das novas propostas poéticas a toda España. Ámbito Cultural de El Corte Inglés e a Piscifactoría Laboratorio de Creación traballan conxuntamente para achegar a cultura á cidadanía a través de diversas iniciativas literarias, teatrais, musicais, artísticas e escénicas.

Como parte do premio, Merino será o protagonista dunha gala poética que se celebrará o venres 10 de outubro no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, xunto ao gran poeta surcoreano Ko Un, os actores Ginés García Millán e Silvia de Pé, a cantautora Guada e a poeta e creadora escénica Annët Batlles, gañadora do premio #LdeLírica do ano pasado e recentemente do Poetry Slam de España. Esta gala sucede ás anteriores, celebradas no Museo do Prado, na Real Academia Española ou no Teatro Real de Madrid.

Nesta edición, ademais, establécese unha dotación económica de 1.881 euros, en homenaxe á data de nacemento do poeta español e Nobel de Literatura Juan Ramón Jiménez (23 de decembro de 1881, Moguer, Huelva).

As persoas interesadas en acudir ao recital no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza deben inscribirse en: ambitoculturalcallao@elcorteingles.es. Tamén será posible seguir o evento en streaming a través das redes sociais de Ámbito Cultural, en Facebook e no seu canal de YouTube.

Xunto a Merino, os finalistas foron:

  • Víctor G. de la Rosa (Cantabria, Castilla e León e País Vasco)
  • Ana M. Valera (Cataluña, Aragón, Navarra e La Rioja)
  • Sandra Lucena (Comunidad Valenciana, Murcia e Baleares)
  • Antonio López-Rodrigálvarez de la Peña (Andalucía, Ceuta e Melilla)
  • Bruno Lastra (Castilla La Mancha, Extremadura e Madrid)
  • Lidia Torres Ortiz (Canarias)

A coordinación do premio correu a cargo de Gonzalo Escarpa, poeta e director da Piscifactoría Laboratorio de Creación, e participaron máis de 500 poetas, dos cales 49 chegaron ás semifinales presenciais en sete cidades españolas.

A creación poética de Merino caracterízase por unha poética reflexiva, influída pola súa formación filosófica e a súa experiencia nas artes escénicas. As súas obras adoitan presentarse en recitales e formatos próximos ao teatro e á performance, con propostas como Mudar a pel, Vida útil da porcelana (Premio Pezas dun Teatro do Porvir Galicia-Portugal), De rota raposa (xunto á poeta Silvia Penas) ou Os nomes íntimos (en colaboración con Lucía Aldao).

REVISTA NOVEMBRO

No ámbito editorial, Merino publicou:

  • Guantanamera. Poema en un acto (2021)
  • Con esta hoz / Con esta guadaña (2023)
  • Claustro Corda Comensal (2023)
  • Manual de camuflaxe, gañadora do LIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey en 2025