‘Romería’, de Carla Simón, inaugura o festival FICBUEU

A proxección de Romería no FICBUEU terá lugar o próximo 5 de setembro, o mesmo día que o filme chega ás salas de cinema, e contará coa presenza de parte do equipo. O Festival de Cinema de Bueu celébrase entre os próximos 5 e 20 de setembro.

O Festival de Cinema de Bueu, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, inaugurará esta 18ª edición co filmeRomería, de Carla Simón, recentemente estreado no Festival de Cannes. A proxección terá lugar o venres 5 de setembro ás 20h30 e será un dos poucos pases que nese día de chegada do filme ás salas de cinema terá acompañamento do elenco. Nesta ocasión, estarán presentes na proxección o actor ferrolán Alberto Gracia e a viguesa Marina Troncoso.

BARAFUNDA
ESCENICAS

No filme Romería (2025), Marina (Llúcia Garcia), adoptada desde pequena, viaxa a Vigo para coñecer á familia do seu pai biolóxico. Guiada polo diario da súa nai e a través dunha conexión especial co seu novo curmán, Marina descubrirá as feridas familiares e poderá por fin revivir a memoria fragmentada duns pais dos que apenas ten recordos. O filme revive historias da xeración da Movida, marcada pola liberdade e a crise da heroína.

A cineasta catalá, que recibiu en 2023 o Premio Nacional de Cinematografía, aborda de novo os vínculos familiares, un tema clave na súa obra. Romería é a súa terceira longametraxe, tras Estiu 1993 (premiada en Berlinale e Goya e candidata aos Óscar) e Alcarràs (Oso de Ouro, seleccionada en máis de 90 festivais, candidata aos Óscar 2023).

Esta non será a única actividade relacionada co filme que acolla o FICBUEU. Durante a primeira fin de semana do festival terán lugar as Xornadas Cinematográficas que este ano acollerán actividades coa temática: música e cinema. Da man da montadora do filme Ana Pffaf e do compositor Ernest Pipó, afondarase na música e a montaxe en Romería.