Rockbox: a vida é demasiado curta para tocar guitarras de m****
Nun tempo no que o comercio electrónico semella monopolizalo todo, Rockbox decidiu remar contra corrente. A tenda de instrumentos fundada hai case dúas décadas na Coruña polos irmáns Fran e Guillermo López abriu hai un ano un novo espazo en Vigo, preto da rúa peonil do Calvario. Deste xeito cobren un oco no mercado musical local e consolidan un proxecto que medra sen renunciar á súa esencia: a paixón pola música e pola atención próxima e especializada.

A idea xurdiu, lembra Guillermo, cando ambos eran músicos novos que atopaban pouco asesoramento e moita frialdade: «Non nos gustaba o trato que recibiamos nas tendas de sempre, polo que decidimos montar a tenda na que a nós nos gustaría comprar», resume. Así naceu Rockbox: un espazo de músicos para músicos, centrado en guitarras, baixos e todo o universo pop rock, tanto para quen dá os primeiros pasos como para profesionais curtidos en escenarios e estudios. Desde o comezo, o trato persoal e o coñecemento técnico foron o seu selo: «Non che imos vender un produto porque si —explica Guillermo—, senón mostrar opcións e axudar a escoller a mellor dentro do teu orzamento». Esa filosofía fixo da tenda coruñesa unha referencia en España e, agora, tamén en Vigo, cidade na que descubriron «unha escena musical potentísima, con xente moi boa en todos os estilos». Esa é outra das claves: a tenda e as súas redes serven como punto de encontro e altofalante do panorama musical local, apoiando a difusión de concertos e mesmo organizando pequenas actuacións acústicas no establecemento.

A súa aposta pode parecer arriscada nun tempo no que moitas tendas de música pechan, pero Rockbox demostra que o comercio de proximidade pode convivir co mundo dixital. Teñen web e tenda en liña, mais a súa prioridade segue a ser o contacto humano: falar coa clientela, probar o equipo, compartir a paixón. «Todos tocamos, somos xente activa, seguimos nos escenarios. Iso nótase cando falas co cliente».

No local vigués, ademais de instrumentos e material técnico, hai espazo para o coleccionismo: atopamos instrumentos asinados por músicos de The Cure, Megadeth, Status Quo ou The Clash, así como de artistas como Ryan Adams, Juan Valdivia (Héroes del Silencio) ou Xoel López. Quizais a frase que mellor define a filosofía de Rockbox é o lema que teñen sobre a porta de entrada: Life is too short to play bullshit guitars.

Rúa de Urzáiz, 103 | 986 00 26 98 | web@rockbox.es | rockbox.es | @rockboxoverdriveshop
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas - 28 Novembro, 2025
- Rockbox: a vida é demasiado curta para tocar guitarras de m**** - 26 Novembro, 2025
- O mapa da represión franquista en Vigo - 20 Novembro, 2025
- Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia - 17 Novembro, 2025
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025



