Río Verbena quenta motores con concertos gratuítos no centro de Pontevedra
As Sesións Verbeneiras levarán música en directo de balde á praza de Méndez Núñez os días 18 e 19 de agosto, antes da celebración do festival no Recinto Feiral.

A 15 días do inicio do festival, Río Verbena anuncia unha nova edición das súas Sesións Verbeneiras, que levarán concertos gratuítos á histórica praza de Méndez Núñez, en Pontevedra, os días 18 e 19 de agosto. A programación servirá como antesala do festival, que terá lugar na explanada do Recinto Feiral os días 21 e 22 de agosto, con grandes artistas como Love of Lesbian, nun dos seus últimos concertos antes da súa despedida indefinida, Siloé, Xoel López ou La La Love You, así como outras propostas máis emerxentes, como Sarria ou Sanguijuelas del Guadiana.
As Sesións Verbeneiras comezarán o martes 18 ás 20:00 h coa actuación de Desconcerto, o dúo formado por Valentín Dacova e Óscar Lope. A banda, coñecida por reinterpretar clásicos que abranguen desde os anos 60 ata hoxe, tamén presentará os seus propios temas.
O mércores 19, a partir das 19:00 h, haberá unha sesión dobre. A primeira actuación será a de Mamasunción, banda pontevedresa de rock alternativo liderada por Tincho Martínez. O grupo levará á praza os seus riffs de guitarra e ritmos máis contundentes. A continuación actuará Four Passengers, banda formada por catro músicos de alma nómade que preservan a música en directo. O seu repertorio inclúe clásicos das épocas douradas do soul e o rock.





