Revive o rock vigués con membros de Siniestro Total esta fin de semana en Vigo
Hey Hematoma e Foggy Mental Breakdown tocan na Rebullón nunha volta de músicos míticos do rock vigués e máis concertos como Marcos Rivera, Alice Wonder ou Miguel Moldes. O folk e o punk conviven no The Monk Pub nunha homenaxe a Shane Macgowan. E para os máis peques un obradoiro sensorial e unha actividade de creación de postais para nenos hospitalizados. Isto e moito máis na axenda de amovida.gal.

Yayo Herrero Poñer a vida no centro – Venres 5 ás 17:00 h no Local Emaús – De balde
Antropóloga e profesora nos ámbitos da ecoloxía política, os ecofeminismos e a educación para a sustentabilidade, Yayo Herrero leva unha traxectoria centrada na crítica ao modelo de desenvolvemento e produción capitalista como ameaza para o planeta e para a vida. Desta vez en Emaús convida ao público a reflexionar na importancia do apoio mutuo e de revindicar a vida como unha cuestión prioritaria.
Obradoiro de Postais para Hospitais – Venres 5 ás 17:30 h no CC Camelias – De balde
Entre as actividades para a cativada que organiza o Centro Comercial Camelias esta fin de semana Galiclown e Aurartium Psicologia Creativa propoñen este obradoiro. Pensado para nenos de 6 ou máis anos, a idea é que colaboren no apoio de Nadal a nenos hospitalizados con todo tipo de enfermidades creando postais para estes. O proxecto de paiasos solidarios leva desde 2019 organizando todo tipo de iniciativas, visitas e campañas para dar unha alegría aos máis pequenos e inocentes nos hospitais.

Ferris Wheel Catastrophe – Venres 5 ás 21:00 h en Mondo Club – Desde 9,50 €
O músico galego Marcos Rivera estréase en solitario baixo o nome Ferris Wheel Catastrophe e co disco Try Back Tomorrow, unha obra que se adentra no folk-rock contemporáneo e na americana. O álbum cantado íntegramente en inglés, explora a fraxilidade humana e a capacidade de resiliencia mediante a metáfora dunha nora que xira entre luces e sombras, caos e beleza. A mestura de Rivera e Pérez aporta texturas que oscilan entre o melancólico e o luminoso. A mítica Mondo recibirá a presentación deste novo álbum.
Ben Salter + Pablo y los Ciervos Dorados – Venres 5 ás 21:00 h na Sala Kominsky – Desde 8,00 €
Noite de poesía musicalizada e de beber unha cervexa mentres mira ao chan con introspección, lembrando o que se teña que lembrar. Ben Salter é un cantautor australiano que ven acompañado pola banda Captain Fighting Machine. Doutra banda, Pablo y los Ciervos Dorados descríbense como o grupo que soa no pub cando non hai ninguén, porque lle mola ao DJ e lle apetece, e punto. Unha combinación curiosa para unha noite de música no local máis variado de Churruca.
Miguel Moldes – Venres 5 ás 21:30 h na Casa de Arriba – Desde 8,00 €
Miguel Moldes presenta o seu primeiro disco Fairground Ballads cun concerto en Vigo. Originario de Sanxenxo inicia o seu proxecto como cantautor en 2022 en Luleå, unha cidade situada no norte de Suecia, onde un longo inverno foi a inspiración para dar forma a súa música co legado folk, blues e gypsy jazz. Do formato solitario agora chega cun concerto acompañado de Sandra Gómez, Sanny, (teclados, guitarra acústica e voces), Anxo Paz (batería e percusións) e Alejandro Neira (baixo).
Obradoiro sensorial de Nadal – Sábado 6 ás 11:00 h en Kenguru – 20,00 €
Os bebés e nenos máis pequenos teñen necesidades especiais en canto a maneira de expresarse e coñecer o mundo. Neste obradoiro sensorial de 0 a 5 anos búscase deixar aos peques manipular e experimentar libremente fomentando a súa creatividade. A mellor forma de facelo é a través da exploración e expresión mediante distintas propostas sensoriais: pasta, luces, arroz, etc.
Homenaxe a Shane Macgowan – Sábado 6 ás 20:00 h no The Monk Pub – Caixa inversa (mínimo 5,00 €)
Nado en 1957 en Kent e falecido en 2023 en Dublín, Shane MacGowan foi moito máis ca o cantante de The Pogues: compositor, poeta e cronista da vida dos marxinados, legou unha discografía que transcendeu xeracións. Este encontro en The Monk Pub pretende manter vivo ese espírito e ofrecer un espazo onde brindar, cantar e lembrar unha das voces máis singulares da música irlandesa.

Momentos Alhambra: Alice Wonder – Sábado 6 ás 21:00 h no Island Club – Desde 22,00 €
Irrompeu desde internet co single ‘Take Off’ e o álbum Firekid. Agora aos seus 24 anos Alice Wonder é unha das artistas imprescindibles da escena estatal actual. Ven a Vigo para pechar a programacióne n Galicia do Ciclo Momentos Alhambra con temas do seu álbum Que Se Joda Todo Lo Demás.
Mercado de arte do Calvario – Domingo 7 de 10:00 h a 20:30 h no Mercado do Calvario – De balde
A Praza de Abastos converte os bancais das peixeiras e o primeiro andar en postos onde mostrarán o seu traballo artistas e artesáns que, tras convocatoria, foron seleccionados entre cerca de 300 solicitudes. Pintura, ilustración, textil, xoieria, serigrafía, cerámica de máis de 80 persoas, ademais de actividades durante toda a xornada, obradoiros, presentacións de liberos e un concerto de jazz para rematar a velada.

Hey Hematoma + Foggy Mental Breakdown – Domingo 7 ás 22:30 h na Sala Rebullón – Desde12,00 €
Xuntanza sobre o escenario a algúns dos sospeitosos habituais do rock vigués e galego. Creado o ano pasado, HEY HEMATOMA é o proxecto promovido por integrantes orixinais de Siniestro Total para manter vivo o legado do icónico grupo vigués. E para redondear a noite, FOGGY MENTAL BREAKDOWN, outro nome que resoa con peso propio na escena rock local dos anos noventa, que volveron tamén o ano pasado. A Sala Rebullón aproveita esta ponte da COnstitución para celebrar o pasado, presente e futuro do rock vigués.



