Revisitando o Reino Medieval de Galicia

A Deputación da Coruña acaba de facer públicos os proxectos gañadores da terceira edición do seu Fondo de Proxectos Culturais do Reino de Galicia, unha iniciativa que busca revitalizar a memoria do noso pasado medieval. Este certame, que nesta edición repartirá case 190.000 euros en premios, con achegas de entre 10.000 e 20.000 euros por proposta, é un alicerce fundamental para combater a desmemoria e o esquecemento sobre un período de grande esplendor e identidade para o pobo galego.

A orixe desta proposta cultural remóntase aos anos previos á celebración do congreso internacional Regnum Totius Gallaeciae. O Reino Medieval de Galicia, organizado pola deputación coruñesa en setembro de 2022 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. O fondo nace co claro obxectivo de mudar o relato hexemónico e avanzar na normalización da historia propia de Galicia, poñendo en valor a dimensión do reino medieval.

REVENIDAS

Entre as quince propostas gañadoras desta terceira edición, atopamos unha novela gráfica sobre a historia do viño en Galicia, un proxecto transmedia de visibilización das raíñas galegas, un podcast medieval titulado A Revolta, unha mantelería de mesa con motivos do Reino para restauración ou un documental sobre a Gran Revolta Irmandiña. En anos anteriores foron seleccionados interesantes proxectos como a serie de vídeos Historia do Reino de Galiza en 10 minutos, a iniciativa audiovisual O Dicionario da Galicia Histórica: un Reino da A á Z, a proposta editorial A faia de Ponthus. Le Roi de la Galice, o deseño tipográfico A letra do Reino ou a iniciativa mutidisciplinaria Urraca, unha galega pioneira do feminismo.

A variedade e calidade dos proxectos seleccionados nestes tres anos —que se poden consultar na web reinomedievaldegalicia.gal— demostran que existe un grande interese, en especial por parte de xente nova, en recuperar, divulgar e valorar o rico legado medieval de Galicia a través de diferentes medios (reportaxe, banda deseñada, ilustración, documental, TikTok, libro, podcast, xogo de cartas…) ofrecendo novas perspectivas e recursos para o coñecemento colectivo do noso pasado.

O Reino de Galicia é unha entidade histórica que abarca un extenso e cambiante territorio desde principios do século V ata o século XIX. A súa orixe remóntase ao ano 410, co asentamento dos suevos na provincia romana de Gallaecia baixo o goberno do rei Hemerico, o que deu lugar á fundación do primeiro reino europeo que perduraría tras a caída do Imperio Romano.