REVISTA ABRIL

Retratos da arte galega

Almudena Fernández | Anxo Cabada

Despois de anteriores traballos de retratos; sobre a xente do mar, Maregrafías; sobre a xente da terra, Terragrafías, e, hai cinco anos, sobre literatura galega, O imaxinario do país, seguindo coa xeografía dos rostros do país a través da arte,co retrato de creadoras e creadores, agroma o proxecto Sombras Atlánticas. Os criterios de selección están marcados pola diversidade cronolóxica, sexual ou xeográfica, pero sempre co denominador de ter relación co noroeste da Península, sexa de nacemento ou de habitabilidade. O berce artístico xorde do movemento Atlántica a principios dos anos oitenta e medra a primeiros dos noventa coa creación, na cidade de Pontevedra, da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

REVISTA ABRIL

Todas as fotografías están realizadas nos obradoiros dos artistas, ambientadas en branco e negro co mesmo pano de fondo, coma un escenario teatral, coma a pantalla de cine onde emerxe a luz da persoa retratada, nun xogo de luces e sombras. O retrato esixe unha interacción do fotógrafo co fotografado que vai máis aló da simple presenza; neste exercicio hai un xeito de mestura entre a terceira persoa do singular e o eu, que tenta representar unha leve fronteira entre o retratado e o retratista, onde cadaquén perde un pouco de si. A mirada do retratado diríxese ao espectador nun diálogo á procura da sinxeleza, na complicidade da conversa en silencio.

Dos artistas relacionados coa cidade da oliveira, destacan Pilar Alonso, Almudena Fernández Fariña, Elena Fernández Prada, Antón Goyanes, Anxel Huete, Menchu Lamas, Din Matamoro, Carme Nogueira, Antón Patiño, Rosalía Pazo Maside ou Silverio Rivas. A paisaxe da plástica galega representada nos rostros de 34 persoas creadoras, esa é a proposta da exposición fotográfica Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega, que se pode visitar no Museo de Pontevedra ate o 15 de xaneiro.

Anxel Huete | Anxo Cabada

Anxo Cabada
Fotógrafo