REVISTA OUTUBRO

Regreso á barbería

A de barbeiro non foi a primeira profesión de Guillermo, pero si a que o enganchou definitivamente, atraído polo trato cos clientes e a fascinación polo gusto vintage dos establecementos de coidado persoal masculino que comezaban a abundar, hai tres anos e medio decidiu abrir o seu propio negocio na avenida de Castrelos: Savoy.

Guillermo sumouse ao mundo das barberías neotradicionais, onde a estética do local xoga un papel moi importante. Nas súas propias palabras, «o futuro das barberías está no pasado». O seu local incorpora elementos das clásicas barberías estadounidenses, como o simbólico poste con raias en azul, branco e vermello ou as butacas de chasis prateado e asento de pel; cóidanse todos os detalles, desde as impolutas chaquetas brancas ata a música. Unha moda que recoñece que pasará porque, como todas, é cíclica: «do mesmo xeito que un día volveremos usar pantalóns de campá», pero que, sen dúbida, serviu para popularizar en Europa un oficio en perigo de extinción: o salón de peiteado especializado en cortes de cabaleiro e barba. «Xa non abonda con meter a máquina ao cero», explica o xerente do negocio, que apunta a unha profesionalización do sector en constante crecemento. Moitos homes demandan un corte acorde coa forma do seu cabelo, cranio e cara. Todo isto é tido en conta na barbería Savoy no momento de aconsellar á clientela, aínda que moitos xa teñen claro o que queren ao entrar pola porta. «Pídense moito cortes de pelo de xogadores de fútbol», comenta o barbeiro.

Desde logo, a estética non sería de abondo de non ir acompañada dun trato exquisito, como o que o xerente e os dous empregados da barbería ofrecen a todo o cliente de Savoy. Todo pensado para que arranxar a barba ou o pelo se converta nun auténtico pracer.

Cita previa: 886 12 59 31
Enderezo: Avenida de Castrelos, 40
Horario: martes a venres, das 9.30 ás 20.00 h; sábados, das 9.00 ás 14.00 h
Web: barberiasavoy.com
IG: @barberiasavoy

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.