‘Reconversión’, unha premiada viaxe entre memoria familiar e loita obreira

A premiada obra teatral de Ibuprofeno Teatro, Reconversión, recala esta fin de semana en Vigo tras o seu éxito nos Premios María Casares. A peza é un exercicio de memoria histórica e compromiso social arredor do peche de Ascón e complementarase cun coloquio co histórico sindicalista Manuel Currás Meiras e un obradoiro de dramaturxia impartido polo director da obra e a compañía, Santiago Cortegoso.

O elenco de ‘Reconversión’, con Santiago Cortegoso abaixo á esquerda | Fotos: Diego Seixo

O teatro, cando se exerce con rigor, funciona como un arquivo vivo que rescata do esquecemento os episodios que definen a identidade dun territorio. Baixo esta premisa, a compañía Ibuprofeno Teatro presenta os días 9 e 10 de maio na Sala Ártika de Vigo a súa obra Reconversión, unha peza que pon en escena o desmantelamento naval na Ría de Vigo nos anos 70 e 80 e a forte resposta dos traballadores. A programación inclúe un coloquio postfunción o sábado con Manuel Currás Meiras, traballador e sindicalista histórico de Ascón, e un obradoiro intensivo de escrita teatral centrado na autoficción e o teatro documento, impartido por Santiago Cortegoso durante tres días.

A xénese de Reconversión non é estritamente política, senón que nace dunha urxencia familiar do seu director, Santiago Cortegoso. O dramaturgo atopou no proceso de vellez do seu pai o detonante para abordar un tema que lle rondaba desde había anos. “Chegou un momento que meu pai empezou a perder a memoria e sentinme culpable por non terme posto a facelo antes. Pensei que ou comezaba xa, ou comezaría a pasarlle o mesmo ao resto de protagonistas”, explica o autor sobre a necesidade de reconstruír un relato cuxa testemuña directa se estaba a desdebuxar. Cortegoso, afeito a escribir e dirixir ficción pura, tivo que aprender a levar á escena feitos históricos e a integrar os seus propios recordos de infancia como fío conductor. Este traballo desenvolveuno parcialmente nos Laboratorios de Creación da Fundación SGAE.

A peza é un exercicio dobre de memoria: a familiar e a social, que se articula na escena a través da figura do fillo (interpretado polo propio Cortegoso en escena) quen viaxa “desde a postguerra ao felipismo dos 80” para entender a peripecia vital do seu pai, que traballou tres décadas no estaleiro moañés Ascón. Ascón foi o principal afectado na ría de Vigo polo proceso de reconversión naval. Nel traballaban 2.450 persoas, que foron despedidas despois de oito meses de intensas folgas nas que se reclamaba un peche escalonado e alternativas laborais para os traballadores.

Para darlle solidez ao armazón histórico, Cortegoso documentouse con figuras clave da loita sindical, entre as que destaca o sindicalista da CIG e amigo familiar Manuel Currás Meiras, que tamén estará o sábado na Ártika para charlar cos asistentes despois da función. Currás, que iniciou a súa carreira en Ascón con apenas 15 anos, lembra a reconversión non só como unha crise económica, senón como un momento de cohesión social sen precedentes. “Fomos capaces de transmitir que a industria naval era vital para Galicia e que había que defendela, e iso a xente apoiounos”, sinala o exsindicalista, salientando que esa lexitimidade social foi a que permitiu manter a forza durante unha década de conflito na industria galega do metal.

Manuel Currás, ex-traballador de Ascón | Cedida

Esa resistencia alimentouse dunha rede de solidariedade que a obra pon en valor e que Currás define como o elemento diferencial daqueles anos. O sindicalista recorda con emoción os xestos de apoio civil que hoxe semellarían impensables: “Había moitos actos de solidariedade espectaculares, de xente que non te coñece de nada e métete dentro da casa e lle pecha a porta á policía”. Currás describe como a comunidade se envorcaba cos folguistas, desde mariñeiros que doaban o peixe para as familias con menos recursos ata festivais artísticos que recadaban fondos para a caixa de resistencia, en plena explosión da Movida Viguesa.

FAITE AMOVIDALOVER

Esteticamente, Reconversión foxe do realismo industrial gris para abrazar a enerxía dunha charanga en directo. Oito actores-músicos interpretan unha banda sonora a coro que liga o sonoro co social, utilizando o metal dos instrumentos como metáfora do metal do estaleiro. O colorido dos traxes, as pinceladas de humor e a interpretación de temas como ‘El Chiringuito’, contrastan coa crudeza do relato. Cortegoso defende esta escolla baseándose na orixe rural de moitos traballadores de Ascón, que mantiñan un pé no taller e outro na terra. “Podería ter escollido temas da Movida, pero eu sempre relacionei o mundo de Ascón coas verbenas e o ambiente rural… meus pais son de estar na leira toda a vida”, confesa o director, quen integra na escena personaxes que sachan mentres discuten o seu futuro laboral.

A obra chega a Vigo precedida por un éxito incontestable na 30ª edición dos Premios María Casares, onde se alzou con seis galardóns: Mellor Espectáculo, Dirección (para Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo), Texto Orixinal, Espazo Sonoro (Alonso Caxade), e as categorías de actuación secundaria para Fran Lareu e Cristina Collazo. Actualmente, é finalista nos Premios Max nas categorías de Mellor Espectáculo, Autoría e Elenco, feito que Cortegoso espera que lles abra as portas de máis teatros fóra de Galicia.

Reconversión procura a homenaxe aos protagonistas das folgas, pero tamén a reflexión sobre o presente. Para Cortegoso, é vital que as novas xeracións comprendan que os dereitos actuais foron o froito de procesos de loita colectiva que hoxe parecen diluírse nun activismo máis individualista e dixital. “A nosa motivación principal sempre foi política. Queremos facer memoria e que as xeracións que non o viviron saiban que isto pasou“.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.