Arepas da Ría é un restaurante de cociña venezolana fusionada con ingredientes galegos, materialización do soño de Lyset Machado dende que chegou a Galicia hai vinte anos: abrir a súa propia arepería.
Esta nace, ademais, coa vontade de innovar e incorporar o aprendido nas cociñas galegas á súa propia, así como cunha forte esixencia na calidade de todo o que sae da súa pequena cociña transoceánica.
Aquí podemos probar arepas nunha versión máis fina e crocante, ao forno, e recheas con ingredientes de ambas as dúas beiras do Atlántico: as opcións da ría inclúen polbo, xamón asado, langostinos e carrilleiras e levan nomes como Pinténs, Berbés, Udra ou Reina da ría. Nas opcións propias de Venezuela atopamos a Reina pepiada, moi popular nos almorzos caribeños e reenchida de polo, maionesa e aguacate ou a Llanera, con picaña, aguacate, tomate e queixo llanero.
As arepas son o prato forte, pero non o único. Na carta temos tamén todo tipo de entrantes venezolanos caseiros, como os tequeños ou os tostones, pratos como o pabellón e asado negro e postres caseiros coma o brownie, torta de limón ou a de tres leches, saídos todos das mans reposteiras de Lyset, que incorpora algún novo cada semana.
Horario:
Luns, mércores, xoves e domingo – 13:00 a 15:30 / 19:00 a 22:30
Venres e sábado – 13:00 a 15:30h / 19:00 a 23:00