Raquel Varela: «O franquismo non logrou sobrevivir ao inicio da Revolución dos Caraveis»
Raquel Varela (Cascais, 1978) é historiadora, investigadora e unha das voces máis destacadas da historiografía contemporánea portuguesa. Doutora en Historia Política e Institucional, exerce como profesora na Universidade Nova de Lisboa e investigadora no Instituto Internacional de Historia Social de Ámsterdam. Está especializada en movementos sociais e na Revolución dos Caraveis e é autora de Historia popular da Revolución dos Caraveis e, xunto a Robson Vilalba, do cómic O pobo é quen máis ordena.
Esta semana, Varela visita Vigo convidada pola asociación Memoria, Verdade e Xustiza para ofrecer unha charla o xoves 9 no Instituto Santa Irene, onde abordará as súas teorías sobre o 25 de abril e a súa estreita conexión coa realidade política española.

Fálase da Revolución dos Caraveis como dun alzamento militar, pero ti tes explicado que non é de todo así. Cal foi a orixe?
A revolución ten unha orixe anticolonial que comeza en 1961 en Angola, e despois en Guinea e Mozambique. Foi unha loita de traballadores forzados dirixidos por movementos revolucionarios africanos. Esa derrota na guerra colonial foi a que conduciu a un golpe dentro das forzas armadas por parte da oficialidade intermedia, o Movemento das Forzas Armadas (MFA), co obxectivo de terminar o conflito. O que determina que non fose un simple golpe de Estado foi a reacción popular: aínda que os militares pediron á poboación que quedase na casa, miles de persoas invadiron as rúas e os seus centros de traballo. Nese intre, a través de comisións autoorganizadas, comeza un proceso revolucionario que duraría dezanove meses.
«A Revolución dos Caraveis ten unha orixe anticolonial»
Como foron eses dezanove meses de revolución e por que non son tan coñecidos?
Foron un exemplo paradigmático de autoorganización social. Durante ese período, case mil empresas estiveron baixo autoxestión e centos delas baixo control obreiro total. Non se limitou ás fábricas; afectou a hospitais e escolas onde médicos, enfermeiros e mestres xestionaban colectivamente a través de comisións, consellos e mandatos de vogais. Falamos dunha estrutura de dualidade de poder que involucrou directamente a case tres millóns de persoas. O referente máis próximo que existe no Estado español sería a Barcelona dos anos trinta. Esta profunda participación popular adoita quedar fóra do discurso xeralista, que prefire centrarse só no movemento militar.
Sinalas tamén que a Revolución portuguesa contribuíu ao fin do franquismo. En que influíu?
A influencia foi tal que o franquismo non logrou sobrevivir ao inicio da Revolución dos Caraveis. Como teño demostrado nas miñas investigacións analizando a prensa da época e documentos do Ministerio de Asuntos Exteriores, as elites franquistas sentiron un auténtico pánico ao contaxio. Ese medo a que a revolución saltase a fronteira fixo que fose necesario iniciar unha abertura pactada, para a cal foi imprescindible contar co papel do Partido Comunista e do PSOE. Para min, a historia dos anos setenta non se pode entender de xeito illado: é unha historia ibérica onde a revolución e a contrarrevolución operaron en ambos países de forma conectada.
«O medo a que a revolución saltase a fronteira fixo que fose necesario iniciar unha abertura pactada»

Que diferenzas houbo entre a revolución portuguesa e a transición española e que influencia teñen eses procesos na realidade política e social de ambos países?
A diferenza fundamental reside en que Portugal estaba sumido nunha guerra con colonias, mentres que no Estado español o factor de tensión principal para as clases dominantes eran os movementos nacionalistas de autodeterminación. O que foi determinante en ambos casos é que as direccións do movemento obreiro, partidos comunistas e socialistas, non promoveron unha reacción internacional nin organizaron unha folga xeral ibérica conxunta. Isto permitiu que as burguesías cooperasen para frear a revolución, un proceso que en Portugal culminou co golpe do 25 de novembro de 1975 e en España co haraquiri das Cortes franquistas e os Pactos da Moncloa. Finalmente, a integración de ambos países na Unión Europea selou este proceso de estabilización.
«Na actualidade a cuestión fundamental é como imos organizarnos para que esta vez as revolucións non sexan derrotadas»
Ante o auxe da extrema dereita, cres posible unha nova revolución?
Como dicía Trotsky en Historia da revolución rusa, “todas as revolucións son imposibles ata que se tornan inevitables”. Hoxe asistimos a un desprazamento da hipótese da revolución social e da guerra civil cara ao centro do imperialismo, como vemos nos Estados Unidos ou Inglaterra. É indiscutible que vivimos nunha época de crises económicas e guerras, un escenario onde as revolucións volven estar presentes. A cuestión fundamental non é se son posibles, senón como imos organizarnos para que esta vez non sexan derrotadas.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- The Wild suspende a edición 2026 e denuncia abandono institucional - 17 Abril, 2026
- Trilitrate, Los Pontiaks e French Riviera actuarán gratis en Play-Doc - 17 Abril, 2026
- Marina Carpente (Abril): “Mariñán permitiunos profesionalizar e pagar dignamente ao equipo” - 15 Abril, 2026
- Vigo homenaxea a Domingo Villar polo Día do Libro - 13 Abril, 2026
- La Luthería, un novo espazo para apreciar de cerca a artesanía musical - 10 Abril, 2026

