Ralphie Choo e West Dubai únense ao cartel musical de O Marisquiño xunto a Villano Antillano e Parkineos
O Marisquiño anuncia os últimos artistas do cartel musical da XXV edición. Contará con dous escenarios, máis de 20 artistas e unha aposta pola música urbana, a electrónica e o talento feminino. O festival é gratuíto e celébrase do 8 ao 10 de agosto en Samil.

O festival de deporte e música O Marisquiño celebra do 8 ao 10 de agosto a súa edición número 25 cun cartel musical con grandes nomes de música urbana e electrónica . Aos xa anunciados Villano Antillano, DJ Nano, Parkineos, Bflecha, Mwëslee e Gin Ferreiro, súmanse Ralphie Choo e West Dubai. A cita contará con dous escenarios: un centrado en sons urbanos e outro dedicado á electrónica no que todas as DJ serán mulleres.
O escenario principal acollerá catorce actuacións, das cales nove serán en formato concerto, combinando estilos como o hip-hop, o rap, os beats ou o hardcore rave. As últimas incorporacións son Ralphie Choo, artista madrileño que vén de colaborar con Rosalía, ofrecerá a súa particular fusión de pop, flamenco e electrónica; e o canario West Dubai achegará a forza e autenticidade do seu trap.

O cartel complétase con propostas como Metrika, cun son que transita do house ao reggaetón con enfoque feminista; La Cendejas, ou Mundo Prestigio, banda galega que mestura pop, tropicalismo e hip-hop instrumental. Tamén destaca o proxecto THRE360YZ, que une a dúas voces coñecidas do hip-hop vigués, El Puto Coke e Elecesar.
No escenario Oasis, centrado exclusivamente no talento feminino da electrónica, brillará Lady Starlight, recoñecida polos seus directos intensos de techno e polas súas colaboracións con Lady Gaga. Xunto a ela actuarán Viviana Casanova, Argia, Cora Novoa e Verusk.