‘Quino na música’ explora o lado melómano do creador de Mafalda

A mostra Quino na música, que reúne máis de cen debuxos orixinais explora a relación entre o humor de Quino e a música, pode verse no Museo do Mar de Galicia ata o 11 de xaneiro con entrada de balde.

Quino na música é a exposición máis importante de orixinais do célebre viñetista arxentino realizada ata o de agora en todo o mundo. A través de máis de cen debuxos en branco e negro, a mostra amosa como a música, desde o tango ata o rock, pasando pola clásica e o pop, atravesa toda a traxectoria creativa de Joaquín Salvador Lavado, Quino, autor de Mafalda e un dos viñetistas máis importantes do último século.

Comisariada pola xornalista e investigadora Judith Gociol, autora de obras como Universo Mafalda ou Humor gráfico en Argentina, e polo músico Guillermo Lavado, sobriño do artista e inspiración do personaxe de Guille, a exposición chega a Vigo despois de debutar en Mallorca e pasar pola Coruña. Estará aberta ao público no Museo do Mar ata o 11 de xaneiro, con entrada da balde.

A exposición está estruturada en varias seccións temáticas que permiten trazar un percorrido pola obra de Quino. Nun primeiro ámbito, destaca o humor e a musicalidade dos seus personaxes, como Mafalda ou Guille, que expresan gustos e conflitos xeracionais a través da música. Outras áreas recollen referencias a partituras, instrumentos ou letras de cancións que Quino emprega para dialogar co contexto cultural e político da Arxentina e do mundo.

REVISTA NOVEMBRO

Entre as pezas máis destacadas atópanse páxinas orixinais nas que Mafalda reflexiona sobre o mundo mentres escoita discos de vinilo. Tamén atopamos fotografías de Quino tanto en Arxentina como en España, país de procedencia dos seus pais e no que se nacionalizaou para fuxir da ditadura arxentina. Ademais inclúe un pequeno teaser de Quinografía, o documental sobre o artista que está dispoñible na plataforma Filmin.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.